Reyes, "herdeiro" de Estévez e Bugallo, recorda que o PP levou a Santiago ao New York Times pola "corrupción"

El candidato del PSOE a la Alcaldía, Paco Reyes
PSOE SANTIAGO
Actualizado: domingo, 19 abril 2015 17:46

Asegura que non se sente "discutido" senón "reforzado" tras as primarias e confía "no criterio" dos compostelanos

Promete "cooperación" institucional fronte a "submisión" ou "desobediencia" e cuestiona o "compromiso con Santiago" de Hernández e Noriega

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Abr. (EUROPA PRESS) -

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago, Paco Reyes, declárase "herdeiro" dos gobernos socialistas de Xerardo Estévez e Xosé Sánchez Bugallo, que, ao longo de máis de 25 anos, deron "planificación, transformación, modernidade, crecemento e estabilidade" á capital galega. Fronte a este legado, censurou que o PP logrou, en catro anos, que o nome da cidade "aparecese escrito ao lado da palabra corrupción no New York Times.

Por iso, nunha entrevista concedida a Europa Press, deixou claro que no seu ánimo está impedir que o PP siga liderando o Pazo de Raxoi, visto que provocou "unha decepción absoluta" e que "defraudou" a confianza maioritaria que recibiu dos compostelanos en 2011. "Son catro anos de enlodar a imaxe da cidade", resaltou, para recordar que cinco dos seis dos procesos xudiciais seguen abertos.

"O noso obxectivo é desprazar ao PP do goberno", insistiu, sen esquecer a "absoluta falta de xestión" que demostrou o goberno municipal ao non executar en todo o mandato "máis do 20 por cento" dos investimentos previstos. "Foi un absoluto desastre", xulgou, crítico tamén co "maltrato" que recibiron os funcionarios municipais malia que "mantiveron o día a día do concello" no medio das "pelexas internas e xudiciais do PP".

Centrado na figura do alcalde e candidato á reelección polo PP, Agustín Hernández, o socialista se ha retrotraído a 2011, cando "dicía que Conde Roa era a solución aos problemas de Santiago". E, entre reproches por conformar o seu goberno baseándose nunha maioría de concelleiros non electos, denunciou que "incumpriu todas as promesas que, como conselleiro, fixo a Santiago", como o metro lixeiro e os cinco aparcamentos en superficie.

"DEPUTADO POR PONTEVEDRA"

Neste sentido, opinou que talvez cumpriu "o seu papel como deputado por Pontevedra", pero sostivo que "nunca mirou" para esta cidade. Unido a isto, recriminoulle a súa "subordinación" aos gobernos de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo, ao xeito dos outros dous alcaldes que o PP tivo en Compostela neste mandato. "Unha cousa é o consenso e a cooperación institucional necesarios, e outra a submisión", puntualizou.

Ao fío diso, distinguiuse do aspirante de Compostela Aberta e alcalde de Teo, Martiño Noriega, ao rexeitar o "enfrontamento". "A solución non é a desobediencia institucional", advertiu, senón "recuperar o liderado dun goberno municipal que foi capaz de establecer consensos e acordos" coa Xunta, o Estado e as outras cidades de Galicia.

Volvendo sobre a necesidade dun "alcalde que defenda os intereses da cidade e non do presidente da Xunta", lamentou os "sistemáticos incumprimentos" do Goberno autonómico coa capital exemplificados en que non se fixo a nova escola de idiomas, a ampliación do conservatorio nin o parque comarcal de Bombeiros. "Isto ten que rematar", sentenciou o concelleiro socialista.

VISIÓN DE SANTIAGO

En canto ao seu programa para Santiago, persegue a loita contra o paro, contra a exclusión social e a corrupción, ademais da integración dos barrios. Entre as súas medidas para mitigar o desemprego, prometeu apostar polo cooperativismo a través de microcréditos con diñeiro público xestionados a través de banca ética ou converter a cidade no parque tecnolóxico "de referencia" en materia biosanitaria e de telecomunicacións.

Ademais, considerou "un escándalo" que o PP pretenda "permutar" uns terreos na avenida de Xoán XXIII concibidos para edificar vivenda pública en aluguer para novos por outros na periferia, e dedicar esa zona a "vivendas de luxo". "É inaceptable", cualificou.

A liña seguido, Paco Reyes xustificou a aposta inicial do seu partido polos inmobles para novos na necesidade de reducir o nivel de envellecemento da zona monumental. "Non queremos un casco histórico que sexa un parque temático", argumentou.

Outro asunto no que discrepou tanto de Noriega coma de Hernández é no relativo a unha posible anexión a Santiago dalgún dos municipios limítrofes, e apelou a reflexionar sobre unha decisión "transcendental" que require falar, por exemplo, sobre a equiparación de impostos municipais e sobre a repartición da débeda pública entre os implicados.

Así é que optou pola "cooperación" e a prestación conxunta de servizos, así como por mellorar o transporte metropolitano, como xa promoveran os anteriores gobernos socialistas en Santiago. Ao respecto, botou en cara tanto o actual executivo da capital galega como ao rexedor de Teo que "puxeron todos os medios para que un instrumento útil como a mancomunidade morrese".

"MÁIS ALÁ DUN TITULAR"

Dito isto, e partidario de que nunca se sele unha fusión sen a ratificación dunha consulta cidadá, advertiu de que unha eventual unión debe formularse "seriamente" e "máis alá dun titular".

Así mesmo, deixou claro que, de levarse a cabo, non pode facerse nos mesmos termos que a dos municipios coruñeses de Oza dos Ríos e Cesuras, que agora estuda o Tribunal Constitucional. "Santiago non está para máis problemas", resolveu o aspirante socialista ao Pazo de Raxoi.

"TRABALLAR PARA ESTA CIDADE"

Finalmente, destacou que afronta a súa primeira campaña como candidato con "muchísima ilusión" e con "confianza" no seu proxecto e o seu equipo, ao igual que " no criterio" dos compostelanos. "Temos o obxectivo claro de que o PP abandone o goberno tras o dano feito á cidade estes catro anos", reafirmouse, pero rexeitou concretar eventuais pactos ou alianzas postelectorais.

E é que, segundo o seu criterio, o "cambio" que cre que se producirá "pivotará" sobre o PSOE, formación na que non sente "discutido" senón "reforzado" tras vencer en primarias á exconcelleira Mercedes Rosón. Ademais, incidiu, o seu partido é "a mellor tarxeta de presentación" para un candidato.

Fixo súa esa "defensa da cidade" que os socialistas "demostraron" en anteriores etapas e asegurou que el a exercerá dende o lugar en que o coloquen os veciños cos seus votos o próximo 24 de maio.

En contraposición con este compromiso, expresou a súa "preocupación" por que nin Agustín Hernández nin Martiño Noriega haxan, ao seu xuízo, "definido a súa aposta e a súa vocación por Santiago". Ao primeiro afeoulle que é "un profesional da política" que foi enviado á capital galega sen que mediase un interese previo, mentres que do segundo sementou dúbidas sobre que a casa do concello compostelano poida ser "un paso intermedio" cara a outras aspiracións.

Finalmente, do seu homólogo no BNG, Rubén Cela, dixo que é "unha persoa capaz, con calidades, con grande capacidade de consenso e coa que traballar é doado" e non pasou por alto que, malia "disensións", ambos os dous coinciden nunha "serie de valoracións sobre a cidade e as súas necesidades".