Rueda asegura que "os de Podemos e as mareas están a fregarse as mans" co regreso de Pedro Sánchez

Alfonso Rueda en Vigo
EUROPA PRESS
Actualizado: domingo, 28 mayo 2017 18:38

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 May. (EUROPA PRESS) -

   O presidente do PP de Pontevedra e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que "os de Podemos e as mareas estanse a fregar as mans" co regreso de Pedro Sánchez a Ferraz, tras gañar o pasado domingo as primarias do PSOE.

   "Se eu pensase desde un punto de vista puramente egoísta de partido como PP, pois probablemente estariamos moi contentos porque a sensación de desunión que transmitiu o PSOE, tanto na campaña das primarias como agora pedindo vinganza algún dos derrotados, non fai augurar nada bo para o Partido Socialista", opinou o dirixente popular nunha entrevista en Radio Galega.

   No entanto, remarcou, "España e Galicia necesitan un Partido Socialista forte e coherente" e "non un Partido Socialista en mans das mareas de Podemos". Neste sentido, instou aos socialistas a decidir se "se queren botar en brazos das mareas de Podemos e quedar reducidos á insignificancia" ou "queren ser ese partido serio que Galicia necesita e quere chegar a acordos importantes [...] co partido que gañou as eleccións".

   Neste contexto enmarca a posición que adopte o PSOE en relación á moción de censura que presentou Podemos contra Mariano Rajoy, que atribúe á "insustancia que hai detrás de quen está todo o día montando circos". "Podemos vive do política espectáculo. Toman o Parlamento como un circo e a seguinte función é a moción de censura", denunciou.

   Sobre as primarias socialistas, Alfonso Rueda interpreta que o "gran derrotado" é o alcalde de Vigo: "A militancia socialista en Vigo non seguiu a Abel Caballero. Iso é o que di o resultado das primarias. Se gañase as eleccións en Vigo e na provincia de Pontevedra, Abel Caballero e Carmela Silva non falarían doutra cousa. O feito de que dixesen que non queren falar unha palabra fala ben ás claras de que senten desautorizados".

RECUPERAR CONCELLOS COMO VIGO

   Como responsable do PP na provincia de Pontevedra, Rueda marca como reto para as próximas eleccións locais recuperar gobernos como o de Vigo, e aposta por manter un partido "forte, unido e organizado" para "demostrar que a confrontación a diario coas outras administracións e con todo o mundo que impón Abel Caballero, ao final fai que perda a cidade".

   "Caballero di que non vai haber Área Metropolitana porque non lle dá a gana por moito que digan os tribunais. É unha pena. É unha perda de oportunidades", lamentou Rueda, quen, no entanto, asegura que a Xunta o seguirá tentando, aínda que veo "difícil" se "Caballero non entra en razón".