Rueda condena a "animalada" de Baralla e ve que Galicia ten "un problema" que se tratará de erradicar "canto antes"

Alfonso Rueda
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 1 octubre 2014 17:33

O vicepresidente celebra que non haxa danos persoais e pide ás forzas de seguridade que sexan "inflexibles" perseguindo os autores

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Oct. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, condenou a explosión rexistrada na pasada madrugada na localidade lucense de Baralla e defendeu que a reparación dos danos materiais, que se acometerá cando se avalíen, non é "o problema", senón que "se sigan producindo este tipo de animaladas". "Por desgracia hoxe unicamente en Galicia", apostilou.

Tras apuntar o delegado do Goberno, Samuel Juárez, a un atentado de Resistencia Galega como principal hipótese da explosión, Rueda lamentou que se produzan este tipo de accións violentas en Galicia, malia contar co "rexeitamento maioritario" da sociedade. "Mentres teñamos isto aquí terei un problema moi grande", subliñou, antes de advertir que se fará o posible "por erradicalo canto antes".

A liña seguido, felicitouse por que non haxa danos persoais e aludiu a que "o primeiro en risco é as vidas humanas" dada a potencia da explosión. "Perfectamente podía acontecer unha desgracia persoal. Felicitémonos porque dentro deste acto intolerable non as houbese", remarcou.

En canto aos danos materiais, avanzou que serán reparados. Sobre se a Xunta achegará axudas con tal fin, sinalou que ata pouco antes da súa intervención "nin sequera se "podía entrar" na Casa do concello e a que acababan de finalizar os labores de desentullo. "Agora toca avaliar os danos", explicou, antes de insistir en que o obxectivo prioritario é deter os autores da explosión.

"INFLEXIBLES" COS que COMETEN ESTES ACTOS

Ao tempo, insistiu en que Galicia non quere "este tipo de accións" e as "repudia" completamente, e instou ás Forzas e Corpos da Seguridade do Estado a que sexan "inflexibles" perseguindo aos que cometen "este tipo de atentados".

Dito isto, lanzou tamén unha mensaxe aos partidos políticos, tras unha polémica rexistrada este mércores no Parlamento en relación a que AGE e BNG non se sumaron a unha petición de condena nunha comisión, aínda que os nacionalistas si a ratificaron posteriormente e o seu voceiro nacional, Xavier Vence, fíxoo nas redes sociais.

"Esperemos que todo o mundo teña claro que isto nin se pode admitir nin se pode xustificar nin cabe outra cousa que o rexeitamento máis pleno. E quen non o entenda así, estase a separar cada vez máis do que é sentir maioritario dos galegos", resolveu.