Rueda e Puy comparten que haberá "recambio" no PPdeG se Feijóo se vai, pero resaltan o "amplo consenso" para que siga

Actualizado: lunes, 8 febrero 2016 14:08

Puy compara as primarias americanas e a renovación do PPdeG, con líderes "cunha importancia case equivalente ao presidente" de USA

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Feb. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o voceiro do PPdeG na Cámara, Pedro Puy, coinciden en que, se o seu actual líder, Alberto Núñez Feijóo, decide non optar a un terceiro mandato e abandonar a Presidencia do partido, haberá "recambio" válido, se ben ven "prematuro" abordar esta cuestión e cren que hai "un amplo consenso" en torno a que a súa continuidade é a mellor opción.

"Se Feijóo se fose, loxicamente tería que haber recambio; pero a miña opinión é, sen ningunha dúbida, que a Feijóo teno que suceder Feijóo e que non debemos pensar en recambios", sentenciou Rueda, en declaracións aos medios antes de participar nun almorzo-coloquio organizado en Santiago pola Unión Profesional de Galicia.

Pola súa banda, Puy, tras a reunión do Grupo Popular, coincidiu en que é "prematuro" abordar esta cuestión, toda vez que Feijóo aínda non desvelou o seu futuro e hai "unha coincidencia xeral" en que "o ideal sería que Feijóo repetise como presidente do partido". Dito isto, remarcou que está "seguro" de que habería "válidos" candidatos a sucedelo no ámbito autonómico.

A xeito de exemplo, aludiu aos procesos de renovación en marcha nas cúpulas provinciais do PPdeG --en Lugo e A Coruña con máis dun candidato --. Sinalou que este proceso coincide coas primarias dos principais partidos de Estados Unidos para concorrer á Presidencia e incidiu nas súas "semellanzas".

"Como nos distintos estados, nas provincias galegas hai varios candidatos que compiten con compromisarios para ter un posto de presidente provincial, que nalgunhas provincias, especificamente nas catro galegas, ten unha importancia case equivalente a presidente de Estados Unidos," subliñou.

"PODERÍA HABER MÁIS DUN"

O que quería dicir con esta comparación, aclarou, é que igual que nas cúpulas provinciais se activou un proceso de renovación con propostas de candidatos "sumamente válidos", o mesmo acontecería --augurou-- se finalmente Feijóo non volve presentarse en Galicia.

Non en van, Puy apuntou que o PPdeG é "unha grande formación" con "moitas persoas capaces e preparadas" que, se Feijóo non opta á reelección como desexa "a inmensa maioría" --na que se incluíu--, estarán dispostas a "coller o relevo, facelo ben e mesmo mellorar a herdanza recibida". "Aínda que hai un amplo consenso para que siga", insistiu.

Por último, preguntado se considera entón que Feijóo podería ter un substituto de calidade, replicou con contundencia: "Podería haber máis dun e todos de 'Galicia calidade', seguro", resolveu.