Sánchez Izquierdo revela "actitude colaborativa" de CRTVG e RTP e augura "novas iniciativas" tras un programa conxunto

Alfonso Sánchez Izquierdo
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 30 septiembre 2014 18:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Sep. (EUROPA PRESS) -

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, asegurou este martes que a "actitude" do ente que lidera e da Rádio e Televisão de Portugal (RTP) é "colaborativa" e deu por feito que, tras un primeiro programa conxunto emitido en agosto, haberá "novas iniciativas en pouco tempo".

Díxollo, en comisión parlamentaria, ao deputado do PPdeG Agustín Baamonde, quen se interesou por coñecer o nivel de colaboración coa televisión pública portuguesa tras a aprobación na Cámara, o pasado mes de maio, dunha iniciativa lexislativa popular que pedía aumentar os vínculos coa lusofonía.

Ao respecto, Sánchez Izquierdo indicou que se está a "explorar o intercambio de obras" dos respectivos catálogos audiovisuais tras a "experiencia sumamente positiva" do 'Aquí Portugal'. Este programa, emitido dende Ourense, converteuse no "cuarto programa máis visto da RTP, cunha audiencia acumulada de máis de dous millóns de persoas" no país veciño e con datos "máis modestos" en Galicia, segundo o director xeral.

Outro dos puntos que se estudan, como indicou o xornalista ourensano, é a posibilidade de facer "producións conxuntas" entre ambos os dous medios, se ben puntualizou que existen "asimetrías técnicas importantes" que habería que resolver, así como diferenzas nos custos de produción e de persoal entre ambos os dous lados do río Miño.

"Pero seguiremos traballando e intentaremos avanzar máis no terreo artístico", manifestou Sánchez Izquierdo, ao que Agustín Baamonde o felicitou "polo inicio desa colaboración recíproca" con "datos esperanzadores". "Faise camiño ao andar", recordoulle, aludindo a un camiño "interesante para todos".