Antón Sánchez e Luís Villares no acto de En Marea
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 25 julio 2017 15:41

"A unidade popular non é facer un día de festa xuntos, constrúese todos os días", defende o dirixente de Anova

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jul. (EUROPA PRESS) -

A unidade popular non depende de como se celebre unha festa. É a idea na que coincidiron o portavoz de En Marea, Luís Villares, e Antón Sánchez, o seu viceportavoz na Cámara e dirixente de Anova, quen buscaron este 25 de xullo rebaixar a "transcendencia" de que as distintas formacións ligadas ao partido instrumental decidisen celebrar o Día da Patria con actos propios por separado.

Aínda que as declaracións aos medios fixéronas nos seus respectivos actos, Sánchez e outros dirixentes de Anova, como o deputado no Congreso, Miguel Anxo Fernán-Vello, desprazáronse ao parque compostelán de Vistalegre para participar, aínda que brevemente no acto de En Marea.

Todo iso, cando está a piques de cumprirse un ano da asemblea fundacional de En Marea, en Vigo, e despois dun recente plenario no que se evidenciou a división existente no seo do partido instrumental. Unha impresión revalidada coa decisión das distintas forzas de celebrar o Día da Patria con actos diferenciados.

Fronte a esa interpretación, antes de regresar a Galeras, unha localización próxima na capital galega onde Anova celebraba a súa propia romaría popular, Antón Sánchez saudou a Villares, quen, posteriormente, proclamou que, con independencia de como se faga, celebrar o Día Nacional de Galicia é sempre "motivo de alegría".

"Nós sempre dixemos que a diversidade sumaba; o feito de que cada un festexe a patria de formas que son moi similares, para nós é motivo de alegría. O grave sería que non se celebrase o Día Nacional de Galicia", proclamou o portavoz de En Marea.

"Unha vez que estamos próximos, imos de campo a campo, botaremos un pé no campo de abaixo e os de abaixo botarán un pé no campo de arriba", bromeou Villares.

"A UNIDADE POPULAR CONSTRÚESE TODOS OS DÍAS"

Pola súa banda, Antón Sánchez, en declaracións aos medios xa en Galeras, proclamou a "unidade popular non é facer un día de festa", senón que "se constrúe todos os días".

"E Anova vén demostrando nos últimos tempos que, día a día, tamén construímos a unidade popular con xenerosidade porque, se nós estamos aquí, é evidentemente para que a loita teña sentido. E ten sentido se xuntamos ás persoas con intereses comúns", recalcou, antes de apelar a non darlle "outra transcendencia política".

Más noticias