Sanidade defende que a nova organización sanitaria "blinda" a existencia dos hospitais comarcais

Jesús Vázquez Almuíña reúnese con representantes municipais do Salnés
XUNTA DE GALICIA
Actualizado: miércoles, 23 agosto 2017 17:09

O conselleiro afirma que os novos "distritos" quedarán constituídos como "marco de referencia" das actividades da súa área actual

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 Ago. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu este mércores que o anteproxecto de lei que modifica a organización territorial sanitaria en Galicia "blinda" tanto a existencia como a estrutura dos hospitais comarcais.

Segundo informou a Xunta nun comunicado, así o asegurou o titular nunha reunión mantida con representantes municipais da Illa, Cambados, Vilanova de Arousa, Ribadumia e Catoira; o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fontes; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; e a directora de Recursos Humanos, Margarita Prado.

Na reunión, Vázquez Almuiña explicoulles os principais puntos da modificación da lei e insistiu en que a área do Salnés pasará a ser un distrito que, xunto ao de Pontevedra, conformará a área sanitaria de Pontevedra.

Ademais, incidiu en que os distritos se constituirán "expresamente como marco de referencia" das actividades de Atención Primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerán na área actualmente en vigor.

"NINGÚN CAMBIO" PARA OS PACIENTES

O conselleiro valorou o "clima de colaboración e cordialidade" da reunión, que continúa na liña de encontros que Sanidade realizou ao longo de agosto con representantes dos colexios profesionais de Médicos, Farmacéuticos, Enfermaría, Veterinarios, Odontólogos e Fisioterapeutas, entre outros.

Con estas reunións, a Consellería destaca que busca facilitar o "maior grao de consenso e participación activa" na elaboración dunha nova normativa que, insiste a Xunta, leva modificacións "principalmente administrativas", sen "ningún cambio" para os doentes.