Sanidade remarca que a subcomisión da Hepatite C "actuou en todo momento seguindo criterios facultativos"

Publicado: miércoles, 20 septiembre 2017 20:19

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Sep. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Sanidade remarcou este mércores que a subcomisión da Hepatite C "actuou en todo momento seguindo criterios facultativos" para autorizar o acceso dos cidadáns aos novos fármacos. Insiste, así, en que "non se tiveron en conta razoes orzamentarias ou doutro tipo nas decisións da Administración".

Na mesma xornada na que membros da subcomisión acudiron a declarar ao xulgado en calidade de testemuñas, fontes de Sanidade trasladaron a Europa Press que "se actuou seguindo os protocolos farmacoterapéuticos establecidos polo Sistema Nacional de Saúde e o Ministerio de Sanidad para garantir un acceso homoxéneo de todos os cidadáns a estes novos medicamentos".

"Que nesta fase aínda non estaban autorizados nin sequera para ser comercializados en España", apostila.

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña agregou que a subcomisión da Hepatite C, formada "polos profesionais clínicos que mellor coñecen esta enfermidade en Galicia", foi a que resolveu os casos "de maneira rápida, cunha media de 13 días nunha enfermidade que ten un desenvolvemento de entre 30 e 40 anos".

Finalmente, reiterou a súa "total disposición para colaborar coa Xustiza e así poder esclarecer os feitos o máis axiña posible".