O secretario xeral de Podemos en Galicia di que, "a día de hoxe", non "ten en mente" unha "candidatura á Xunta"

Carolina Bescansa y Breogán Riobóo
EUROPA PRESS
Actualizado: domingo, 1 marzo 2015 19:23

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Mar. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral de Podemos en Galicia, Breogán Riobóo, di que, "a día de hoxe", ningún dos que forman o Consello Cidadán de Galicia "ten en mente" unha "hipotética candidatura á Xunta" nas eleccións autonómicas de 2016. Non obstante, matizou que "un non sabe o que vai pasar de aquí a alá".

Con todo, nunha entrevista en cadea Ser difundida pola emisora, Riobóo si ten claro cáles deberían ser as medidas prioritarias dun goberno galego de Podemos. "O primeiro é os desafiuzamentos, algo que hai que parar canto antes e se pode facer de forma automática aplicando o dereito europeo".

A outra prioridade sería, segundo remarcou, "frear a emigración de novos galegos". Así mesmo, este hipotético executivo, segundo subliñou, non se pecharía a pactar con ninguén: "Pablo Iglesias dixo moitas veces que se calquera partido nos quere apoiar nun goberno, estaremos abertos a calquera apoio".

Neste sentido, sinalou que será a través das plataformas habilitadas para as primarias internas como se decidirá "se ten que haber pacto ou non" e, logo, "cál será ese acordo de goberno". "En caso de necesitalo", matizou.

No que respecta ás municipais, Riobóo explicou que Podemos "participará nesas candidaturas de unidade popular baseándose no que decidan as persoas neses concellos".

De igual modo, explicou que Podemos non quere "xogar a entrar" nun debate de ideoloxías, senón "tratar as cousas que realmente son importantes" para a cidadanía". Así mesmo, indicou que Podemos é un partido estatal que "ten en conta a realidade plurinacional".