Seguimento do 90% da folga no sector do metal na provincia da Coruña

Folga do metal este xoves na Coruña
REMITIDA
Actualizado: jueves, 22 junio 2017 11:40

   Queima de pneumáticos en Navantia en Ferrol e Fene e no polígono do Pozo en Narón

   A CORUÑA, 22 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O seguimento do paro convocado este xoves no sector do metal na provincia da Coruña é do 90%, segundo informa CC.OO, que eleva a un 100% o seguimento nos polígonos industriais de Ferrol, Fene, As Pontes, Santiago de Compostela e A Coruña. Pola súa banda, a CIG subliña que o seguimento é "practicamente total".

   Xunto cos paros, en defensa dun convenio "digno e con dereitos", as centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG convocaron, ás 12,00 horas, unha concentración na Coruña, ante a sede da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). Á mesma hora, haberá unha manifestación en Ferrol, desde a praza de España, e en Santiago de Compostela, desde a chaira da Asociación de Empresarios do Tambre.

   Trátase, segundo as centrais convocantes, CIG, CC.OO e UGT, dunha xornada "histórica" xa que hai 25 anos que non se convocaba unha folga xeral nos centros de traballo con este convenio.

   O paro, ao que están convocados 18.000 traballadores, comezou ás 22,00 horas deste mércores e terminará na media noite deste xoves.

   COMARCAS DE A CORUÑA E BERGANTIÑOS

   Mentres, CIG-Industria cualificou de "rotundo éxito" o seguimento da folga nas comarcas da Coruña e Bergantiños. Nun comunicado, asegura que a incidencia do paro é "practicamente total nas empresas con maior volume de traballadores e produción".

   Como exemplos, cita o caso da siderúrxica da Laracha, Celsa Atlantic, "onde case o 100% do persoal está en folga" ou o as empresas Horta Coslada e Metalúrgica Galega. Xunto a estas, engade que "a totalidade do cadro de persoal de Emesa en Coirós secunda o paro".

   Por outra banda, indica que a folga está a rexistrar "unha alta porcentaxe de seguimento" nas principais contratas de telecomunicacións e enerxía que operan na Coruña.

   Entre outras, cita a Liteyca, Semi ou Comfica, empresas que fan o mantemento e instalación de liñas para multinacionais como Movistar, R ou Vodafone ou Elecnor, que, entre outros servizos, leva unha parte do mantemento das liñas eléctricas de Gas Natural Fenosa.

   QUEIMA DE PNEUMÁTICOS

Por outra banda, fontes sindicais sinalaron que polo momento non se rexistrou "ningún contratempo reseñable" atribuíble á xornada de folga.

Si houbo senllos queima de pneumáticos fronte ás instalacións de Navantia en Fene e Ferrol, e tamén no polígono do Pozo, na localidade veciña de Narón.