Seixo aposta pola mobilización e a folga xeral para o seu novo mandato na CIG, fronte ao "erro" de pacto social

Recoñece "moitas dificultades" de acción sindical ante "o temor" de traballadores a perder o emprego e avoga por reforzar a organización

Suso Seixo
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 25 mayo 2013 16:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 May. (EUROPA PRESS) -

O actual secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que será reelixido o domingo no seu cargo no VI Congreso da organización, apostou este sábado por priorizar "pasar á acción" mediante a mobilización cunha folga xeral no horizonte que "non se faga á defensiva". Todo iso, cunhas liñas a seguir coas que marca distancias "co profundo erro" doutros sindicatos que avogan por pactos sociais.

Así expresouse Seixo, en declaracións este sábado durante o transcurso da primeira xornada do congreso confederal --que se celebra en Santiago-- do que sairá reelixido como líder da CIG o domingo, para avogar por "non esperar a que fagan novos recortes para formular unha folga xeral á defensiva". "Creo que temos unha situación tan complicada e tan difícil por diante, que temos que pasar á acción", defendeu.

"Isto ou o cambiamos a través da mobilización social ou non vai cambiar, e a folga xeral, nese sentido, parécenos que ten un valor ideolóxico e político moi importante", xustificou Suso Seixo, que valora esta ferramenta reivindicativa "como unha demostración de poder" dos sectores sociais "agredidos".

Ao respecto, o líder da CIG distánciase doutros sindicatos e deixa claro que os cambios "non se fan dende políticas pensadas no que son os pactos sociais", que "son un profundo erro" para "xerar expectativas á xente en algo do que non hai, absolutamente, posibilidade ningunha de sacar nada a favor da clase traballadora".

Sobre esta cuestión, cargou, a xeito de exemplo, contra o pacto das pensións, con mesas de negociación "en actitude de debilidade e desmobilización".

"Se de nós dependese estariamos en folga xeral mañá mesmo", sentenciou Seixo, pois considera que o Goberno "non vai cambiar as súas políticas".

"FORTALECER" SINDICATO

Así as cousas, a cabeza visible da CIG defendeu que "a solución" á actual situación de crise e recorte de dereitos aos traballadores "non vai vir de movementos puramente espontáneos, por moito que sexa o seu grao de indignación", senón que cre que esa protesta, "ten que canalizarse a través da organización".

Por iso, considera "fundamental" o feito de "seguir fortalecendo o sindicato" e "cunhas políticas claras de mobilización e contestación" que "permitan, pouco a pouco ir modificando unha correlación de forzas que neste momento non é favorable á clase traballadora que é claramente favorable ao capital".

DELEGADOS SINDICAIS "HEROICOS"

Preguntado pola saúde da CIG a nivel de acción sindical, Suso Seixo recoñeceu "moitas dificultades" debido ao "temor, que é lóxico" na "maioría dos traballadores a perder o seu posto de traballo", nunha situación que "posibilita que as empresas poidan premer e ameazar e chantajear aos traballadores".

"Polo tanto, facer traballo sindical nestas circunstancias en moitos casos é bastante heroico por parte dos nosos delegados sindicais nos centros de traballo", argumentou Seixo, porque "se está perdendo moito emprego e precarizando as condicións laborables".

A pesar disto, Seixo estima o traballo desenvolvido como "importante", mellorar postos de traballo e consolidar o sindicato CIG nos centros de traballo con "dar resposta inmediata" aos traballadores.

SOBERANÍA

Un dos eixes do novo período á fronte da CIG é a soberanía para Galicia como horizonte, "nun momento cunha concentración do poder político e económico tan enorme" en institucións que teñen "pouco marxe ao control da cidadanía".

E é Seixo cree "no cambio" e "nun modelo máis igualitario", nunha cuestión que enlaza con esta reclamación "dunha maior soberanía" para Galicia.

Por iso, aposta por unha "soberanía do pobo" apoiada nos movementos sociais, de forma que o Parlamento galego "ten que ter plenas competencias en todas as materias" para dar lugar a "unha saída da crise dende unha perspectiva favorable á maioría social".

REIVINDICACIÓN DOUTRAS POLÍTICAS

Neste sentido, Seixo censurou "as graves consecuencias" das políticas da Xunta e o Goberno central cunha "destrución de emprego que non se recorda dende hai moitos anos", unha "perda de dereitos importantes" e precarización do traballo, polo que chama a traballar por outros modelos.

"Estamos gobernados por forzas políticas que polo único que están preocupados é de salvar os intereses á banca, e non lles importa que iso sexa a conta de precarizar condicións de traballo e vida de sectores cada vez máis amplos da poboación", reprochou Seixo.

Neste sentido, censurou os recortes en servizos sociais, ou os problemas da xuventude para atopar traballo que deriva na "emigración de miles e miles de novos galegos".

"O que é máis preocupante é que é unha situación da que non se sae con este tipo de políticas", reprochou Seixo sobre a senda de liñas "antisociais" marcadas por Xunta, Goberno e Unión Europea.

Outras cuestións sobre as que incidiu foi a combater a fraude fiscal, petición de banca pública e apoio ao tecido produtivo "fronte a política económica especulativa". Así mesmo, reclama incrementar o investimento público, que cre "fundamental para reactivar a economía" e canalizar axudas hacias as pymes pola súa falta de empréstito.

CONGRESO

A CIG celebra esta fin de semana os seus VI Congreso para elixir á nova Executiva Confederal e o seu secretario xeral, cargo que revalidará, para o seu cuarto mandato, o actual líder do sindicato, Suso Seixo, dado que a súa é a única candidatura presentada.

A organización, que noutras ocasións debía facer a súa elección entre tres ou catro listas para a Executiva (caso do congreso de hai catro anos), terá unha soa opción tamén para este órgano, a que se presenta encabezada polo actual secretario xeral. En ambos os dous casos, a candidatura única foi "acordada polas distintas sensibilidades actuantes na central sindical".

O encontro arrancou, baixo o lema 'É necesario, é posibel. Organización, loita, soberanía', ás 9.00 horas deste sábado no Pazo de Congresos de Compostela, coa recepción de congresistas e entre as 19.30 e as 20.00 horas presentaranse as candidaturas, tras o debate de diferentes documentos.

O domingo produciranse as votacións entre as 10.00 e as 11.00 horas para elixir Executiva Confederal, Secretaría Xeral e Comisión de Garantías, e procederase a continuación ao reconto. A partir das 11.30 horas farase a clausura.

Contenido patrocinado