Investigan a morte dun septuaxenario e o seu fillo en Xermade

A investigación mantén abertas "todas" as hipóteses, entre as que se baralla un posible axuste de contas como móbil

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 febrero 2012 16:50

LUGO, 22 Feb. (EUROPA PRESS) -

O septuaxenario e o seu fillo achados este mércores falecidos na súa casa no municipio de Xermade (Lugo) foron atopados en dous cuartos diferentes da vivenda unifamiliar e presentaban diversas feridas de arma branca.

Segundo informaron a Europa Press fontes da investigación, mantéñense abertas todas as hipóteses, entre as que se baralla que puidese tratarse dun posible axuste de contas.

Non obstante, as mesmas fontes insisten en que os investigadores están a solicitar probas, testemuños e recollendo mostras para tratar de esclarecer o móbil. Nun primeiro momento apuntárase o roubo como principal hipótese, se ben cobra forza un posible axuste de contas, á espera do que finalmente constaten as pescudas.

Os feitos sucederon de madrugada nunha vivenda unifamiliar situada na parroquia de Burgás, no municipio de Xermade, na que residía o matrimonio de septuaxenarios e o seu fillo, pero non foi ata unhas horas máis tarde, segundo datos facilitados pola Delegación do Goberno, minutos antes das 12.00 horas, cando se mobilizou a Garda Civil tras a chamada dun amigo da familia.

FERIDAS DE ARMA BRANCA

Pola súa banda, fontes da investigación consultadas ratificaron que os varóns V.H.P., de 74 anos, e o seu fillo E.H.R., de 51 anos, presentaban feridas de arma branca.

Ás 11.23 horas o 061 recibiu o aviso dunha posible agresión nun domicilio, na que foran atopadas unhas persoas tiradas no chan. Ao lugar desprazouse unha ambulancia asistencial e persoal sanitario do centro de saúde da zona. Os equipos sanitarios ao chegar acharon dúas persoas falecidas, un varón de 74 anos e outros de 51, aparentemente "por causas violentas" e evacuaron o HULA á muller ferida.

A muller do septuaxenario presentaba feridas de arma branca, polas que permanece ingresada no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo. D.R.S., de 77 anos, segundo fontes hospitalarias, presenta lesións graves "na traquea e na cabeza".

Artículos Relacionados

Contenido patrocinado