O Sergas defende que o dispositivo sanitario de asistencia aos feridos foi "impecable"

Publicado: martes, 21 agosto 2018 17:51

VIGO, 21 Ago. (EUROPA PRESS) -

O Sergas defendeu este martes que o dispositivo sanitario despregado para atender aos feridos do accidente do Marisquiño foi "impecable", cunha "coordinación áxil" e unha "atención eficaz e resolutiva", como así "o recoñeceron os propios pacientes e os seus familiares".

Así o han traslado fontes de Sanidade, após as críticas de En Marea respecto dese dispositivo, e lembraron que, esa noite, mobilizáronse 5 UVIs, 12 ambulancias de soporte vital básico, 24 ambulancias de apoio, 3 ambulancias de Cruz Vermella, 2 equipos sanitarios da PAC, 3 vehículos de apoio loxístico e un vehículo de protección civil.

Ademais, segundo apuntaron, o 061 instalou un posto de mando médico no lugar do accidente, un punto de triaxe inicial e un posto de carga de ambulancias.

Sanidade tamén subliñou que se incrementou a dotación de Urxencias no PAC e no Hospital Álvaro Cunqueiro con 16 profesionais máis, "polo que o persoal foi suficiente para atender con garantías a tódolos feridos". De feito, engadiu, unha vez constatada a suficiencia de recursos, a EOXI rexeitou o ofrecemento de moitos traballadores que, estando fóra da súa quenda, propuxeron achegarse aos centros sanitarios para axudar.

O Sergas, que reiterou o seu agradecemento a estes profesionais, tachou de "inaceptables e falsas" as declaracións do representante de En Marea, "tras unha semana de absoluto mutismo e ausencia, nas que non mostrou ningún interese polos feridos".

Finalmente, despois de lembrar que, tanto o conselleiro Vázquez Almuíña, como o xerente da EOXI, Félix Rubial, estiveron no Álvaro Cunqueiro toda esa noite, o Sergas pediu un "exercicio de responsabilidade" aos representantes públicos, "para que a política non contamine a actuación sanitaria, nin empane a profesionalidade, o bo facer e a exemplaridade do persoal sanitario".