O Sergas habilitou 769 camas e reforzou ou fixo 931 contratos pola gripe

Rocío Mosquera, En El Parlamento
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 27 enero 2015 20:47

A oposición pide a dimisión da conselleira de Sanidade

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Ene. (EUROPA PRESS) -

   O Servizo Galego de Saúde (Sergas) habilitou 769 camas adicionais, levou a cabo 931 contratos ou reforzos e realizou 348 derivacións a centros concertados nas catro semanas de pico da gripe.

   Só entre o 22 de decembro e o 8 de xaneiro, as cifras se situaron en 341 camas habilitadas, 344 derivacións e 278 contratos. Estes datos foron ofrecidos pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, no marco da súa comparecencia a petición do Parlamento e a raíz da solicitude presentada polo PSdeG para pedir explicacións polo "colapso" nas urxencias.

   Así, Mosquera recoñeceu que o pico da gripe, que este ano chegou "adiantado", provocou "serias dificultades de xestión", pero asegurou que se mantiveron os estándares de "calidade" e os máis graves foron atendidos "a tempo". Con todo, admitiu que o resto foron asistidos "no menor tempo posible".

   Outro dos fallos detectados que citou a conselleira foi a "drenaxe" dende as urxencias á hospitalización. Ademais, a titular da Administración pública galega defendeu que, "malia a alta demanda", só houbo que reprogramar cirugías nos complexos de Ourense e de Vigo.

   En todo caso, Mosquera admitiu tamén que "non é por suposto a atención que debe e quere dar" o Sergas, polo que se "revisarán" os plans de continxencia dos hospitais, a campaña de vacinación para aumentar as taxas e tamén se "mellorará" a atención aos pacientes crónicos.

INGRESADOS NON VACINADOS

   De feito, a conselleira puxo o acento na necesidade de mellorar a ratio de vacinados nas seguintes campañas, ao respecto do que indicou que o "o 60 por cento dos ingresados por gripe non estaban vacinados".

   Rocío Mosquera, que reiterou as súas desculpas cos cidadáns pola situación das urxencias vividas, indicou que os casos foron "máis graves", porque afectaron ao sector da poboación máis vulnerable (maiores e enfermos crónicas).

   Así mesmo, apuntou que os casos de gripe comezaron na antepenúltima semana de decembro, de forma que na semana 50 do ano se contaron 833; na 51, 1.278. Na primeira semana de 2015 houbo 2.209, e na segunda, 2.254. A gripe comezou no sur de Galicia (por Vigo e Ourense) e foise estendo a Pontevedra e Santiago, logo a A Coruña e Ferrol; e finalmente a Lugo.

PETICIÓN DE DIMISIÓN

   A voceiro sanitaria do PSdeG no debate, Carmen Acuña, volveu pedir a dimisión da conselleira, como única forma para ter "credibilidade" nas "desculpas" aos cidadáns. "Pídolle formalmente que marche. Adeus conselleira, peche a porta ao saír", despediuna a deputada socialista.

   Así mesmo, a parlamentaria socialista acusou a conselleira e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "ter completamente desmantelada e medio privatizada" á sanidade pública, e asegurou que o "colapso" en urxencias é a consecuencia de "máis de seis anos de recortes".

   A deputada do BNG Montse Prado advertiu, pola súa banda, que a situación das urxencias forma parte do "plan deliberado para reducir os medios públicos e entregalo á privada" a sanidade.

   Mentres, Eva Solla, de AGE, que tamén considerou que "o máis positivo" que podería facer Mosquera é "marchar", lamentou que digan "que todo está baixo control mentres causan dor e morte" cos recortes. "Isto non é Grecia pero cada vez paréceselle máis", apostilou en referencia a "esperas de dez horas" en urxencias.

   Pola súa parte, o voceiro sanitario do Grupo Popular, Miguel Santalices, recriminou á socialista un "esvarón" ao respecto da filla da conselleira, a quen a deputada acusaba de traballar para unha auditora. Así, o parlamentario exhibiu unha certificación de que a familiar da titular de Sanidade está vinculada con outra empresa, papel que entregou á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo.

   "Houbo un problema pola gripe, non o vou negar", aseverou a conselleira, quen, en todo caso, comprometeu "seguir traballando" para mellorar a atención.