Sindicatos denuncian "cronificación do paro de longa duración" e advirten dos "baixos niveis" de cobertura

Actualizado: miércoles, 4 mayo 2016 13:40

Avisan do "forte carácter estacional" da evolución do desemprego en abril e piden novas políticas fronte á "precariedade" laboral

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 May. (EUROPA PRESS) -

Os sindicatos UGT, CC.OO. e CIG denunciaron a "cronificación do paro de longa duración" e, tras a publicación dos datos de desemprego este mércores polo Ministerio de Empleo e Seguridad Social, advertiron dos "baixos niveis" de cobertura en Galicia.

En senllos comunicados, as organizacións valoran a "tímida mellora" de abril, cando na comunidade galega baixou nunhas 3.600 persoas a cifra de parados.

Con todo, UGT, pola súa banda, avisa do "marcado carácter estacional" destes números, "polo comezo da tempada turística", e alerta de que a caída é menor que no conxunto do estado. A isto engádelle unha crítica aos "altos índices de temporalidade, parcialidade involuntaria e alta rotación na contratación, que non se consolida".

"O PP EMPOBRECE A CLASE TRABALLADORA"

"En definitiva, uns datos que apuntan a que as políticas do PP, tanto no estado coma en Galicia, empobrecen a calidade do emprego, a calidade de vida das persoas e, polo tanto, á clase traballadora e á sociedade no seu conxunto", censura.

Neste sentido, lamenta a "contracción na poboación en idade de traballar", algo que atribúe, "basicamente, á saída cara a fóra e ao retorno de inmigrantes.

En resumo, para UGT, este mercado laboral "fortemente deteriorado" e no que "predomina o emprego temporal, precario e a tempo parcial involuntario" indica que "urxe acometer catro grandes reformas". Ao respecto, apunta a un plan de choque, a ampliación da cobertura aos desempregados, a reactivación do contrato de relevo para facilitar o emprego a novos e unha estratexia estatal industrial.

"UNHAS GOTAS DE AUGA NO DESERTO"

Mentres, CC.OO., noutra nota, ve nos datos de abril "unhas gotas de auga no deserto" do mercado laboral galego. A secretaria de emprego do sindicato, Maica Bouza, incide en que o descenso foi inferior ao do ano pasado e advirte de que a afiliación á seguridade social "non é acorde" a este.

En opinión de Bouza, a baixa afiliación é unha "proba" de que o mercado laboral galego "non resulta atractivo" para miles de persoas que, "incapaces de desenvolver un proxecto de vida na súa terra, acaban abandonándoa". Isto deixa Galicia con cada vez menor poboación en idade de traballar, conclúe.

"Seguimos estando á cola", denuncia a sindicalista, que recorda como a enquisa da poboación activa (EPA) xa alertaba desta situación.

Á luz dos datos, Bouza insiste en que Galicia e España precisan "urxentemente" novas políticas, en busca da recuperación do emprego estable, dos dereitos económicos e laborais "arrebatados" aos traballadores e da mellora das condicións de vida "no prazo máis curto posible".

Para cambiar este escenario, sitúa "a primeira estación nas próximas eleccións xerais". Na súa opinión, sen un Goberno estatal con diferente composición ao actual "será moi difícil que as políticas impulsadas cambien de dirección".

CIG

Pola súa banda, a CIG fai fincapé na baixada da taxa de cobertura por desemprego, antes de apuntar que a caída do desemprego en abril era "previsible", polo "forte carácter estacional que ten a evolución do paro".

A central nacionalista alerta de que "a elevada rotación dos poucos empregos que se crearon e a escasa duración dos contratos son outros sinais de identidade do mercado de traballo galego".

Ante este panorama, reclama "políticas distintas", tras reprobar que as sucesivas reformas laborais de PP e PSOE "non serviron para mellorar a grave problemática laboral existente".

O secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, sostén que, de feito, estas reformas serviron "unicamente para modificar as relacións laborais" e "consolidar a perda de dereitos laborais".

Finalmente, Malvido mostrou a súa preocupación polo feito de que os ingresos da Seguridade Social sexan inferiores ao incremento da afiliación, algo "consecuencia da caída de salarios e pensións".