Sindicatos denunciarán a "mala vontade de negociar" os convenios por parte de Pescanova

Asamblea de sindicatos del grupo Nuevo Pescanova
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 21 enero 2017 13:16

REDONDELA (PONTEVEDRA), 21 Ene. (EUROPA PRESS) -

Traballadores das plantas de elaboración e frigoríficos do grupo Nueva Pescanova decidiron nunha asemblea convocada por CIG, UGT, CUT e USO, denunciar ante a Inspección de Traballo a "mala vontade de negociar" os convenios colectivos por parte da dirección da empresa, así como "cortar" as horas extra dos sábados e as que se poidan chegar a impoñer.

Ademais, avisaron de que, segundo a "vontade" que mostre a empresa, levarán adiante medidas de presión "dun ou outro calibre", entre as que mencionaron concentracións ante algún dos seus principais clientes --como Mercadona--, ou de empresas de traballo temporal, por ser as que "posibilitan competencia desleal" ante as mobilizacións".

No encontro, que tivo lugar na mañá deste sábado no Multiúsos da Xunqueira, en Redondela (Pontevedra), participaron uns 400 traballadores, que ratificaron o seu rexeitamento a asinar a proposta de convenio que formula a empresa e que entenden que supón "unha rebaixa brutal" nas súas condicións.

Os voceiros puxeron en relevo o "éxito" da asemblea tanto por número de asistentes coma polo consenso alcanzado, e destacaron que "é a primeira vez que todos os comités de empresa de todos os centros se unen" --a excepción de CC.OO.--, co obxectivo de rexeitar calquera rebaixa dos seus convenios actuais.