Sindicatos minimizan o impacto en Vigo do recorte anunciado por Citroën pero admiten baixas en oficinas e mandos

Cren que a medida era "esperable" e a vinculan coas "previsións moi malas" para 2009

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 20 noviembre 2008 18:35

VIGO, 20 Nov. (EUROPA PRESS) -

Os sindicatos con representación no comité de empresa da planta viguesa de PSA Peugeot Citroën minimizaron hoxe o posible impacto que pode ter na factoría de Vigo o anuncio da multinacional de reducir en 2.700 persoas o seu equipo nivel mundial a través de baixas voluntarias.

En declaracións a Europa Press, o voceiro da CIG, Henrique Pérez, afirmou que esta medida "terá maior impacto" nos centros de Francia" e que, en todo caso, se se aplica en Vigo, repercutirá no persoal de oficinas, técnicos administrativos e mandos, que son persoal fixo.

A ese respecto, recordou que "as baixas voluntarias son un mecanismo que sempre estivo enriba da mesa" e reiterou que, coa supresión dunha quenda de noite, no que traballaban case 900 eventuais, "non poden tomar máis medidas que afecten ao persoal de taller".

O voceiro de UGT, Rubén Pérez, tamén coincidiu en sinalar que a redución de persoal afectará maioritariamente aos centros franceses, e admitiu que o anuncio da multinacional "é esperable coa actual situación".

Pedro Comesaña, de CC.OO., advertiu de que, unha vez que se produciron recortes en persoal de taller "hai un excedente" en equipo de técnicos e persoal de oficina, co que serán os máis afectados por esa redución "por vía voluntaria". Nese sentido, recoñeceu que "é mellor este tipo de iniciativas que non outras máis traumáticas" e recordou que o persoal administrativo xa non pode dispoñer de contratos relevo, polo que as baixas voluntarias "son a vía máis doada".

MALAS PREVISIÓNS

Comesaña advertiu de que as previsións para 2009 "son moi malas" no que respecta ao primeiro trimestre, e "aínda peores" para o segundo trimestre polo que, "non sería de estrañar que tomasen outras medidas, como o peche de fábricas".

Pola súa banda, fontes da empresa consultadas por Europa Press, evitaron facer valoracións con respecto ao anuncio da multinacional e remitíronse ao comunicado emitido pola empresa. Non obstante, admitiron que as medidas anunciadas "se refiren a todos os centros de PSA Peugeot Citroën do mundo" polo que "non é descartable" que tamén ao de Vigo.

As devanditas fontes explicaron que as baixas afectarían "persoal profesional, técnicos administrativos, mandos e directivos" e que "non é a primeira vez" que traballadores da planta viguesa se acollen a este tipo de "saídas voluntarias".

Contenido patrocinado