O Supremo estuda se admite unha causa por tráfico de influencias contra José Manuel Barreiro

José Manuel Barreiro
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 19 junio 2013 14:30

MADRID/SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

O Tribunal Supremo estuda se admite a trámite unha causa por tráfico de influencias contra o presidente do PP de Lugo e voceiro do grupo popular no Senado, José Manuel Barreiro, a raíz da remisión dunha exposición razoada por parte do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo.

Segundo informaron a Europa Press fontes do Tribunal Supremo, o pasado 19 de abril recibiron a referida exposición razoada do Xulgado de Instrución número 2 de Lugo, na que se aludía a un posible delito contra a administración pública e outro por tráfico de influencias contra José Manuel Barreiro.

O escrito foi remitido á Fiscalía para que informase ao respecto , e o maxistrado da sala segunda do Supremo Manuel Marchena é o responsable de decidir se a causa se admite a trámite e se procede a nomear un instrutor.

O xornal 'La Voz de Galicia' publica este mércores que a exposición razoada elevada ao Supremo parte dunha serie de acusacións que o empresario lucense Jorge Dorribo, principal imputado no caso Campeón, realizaría na institución xudicial contra José Manuel Barreiro.

Segundo o referido xornal, Dorribo acusaría o dirixente popular de supostamente facilitar a unha empresa participada por un primo seu o prego de condicións do concurso de adxudicación do párking do novo hospital de Lugo antes de que fose público.

Precisamente, as acusacións de Dorribo na operación Campeón provocaron diversas imputacións de políticos, como a do exministro de Fomento José Blanco. A raíz das súas imputacións neste caso presentaron as súas dimisións os deputados do PP Pablo Cobián e do BNG Fernando Blanco, que fora conselleiro de Industria co bipartito.

Artículos Relacionados

Contenido patrocinado