Suspendido ata nova data o xuízo de faltas a catro activistas pola protesta durante un desafiuzamento en Aríns

Actualizado: miércoles, 28 enero 2015 16:39

Máis de 100 persoas concéntranse ante os xulgados en mostra de apoio e para denunciar o intento de "invisibilizar" ao movemento cidadán

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Ene. (EUROPA PRESS) -

O xuízo de faltas a catro activistas de Stop Desahucios Compostela pola protesta durante un desafiuzamento en Aríns, previsto para este mércores, quedou suspendido ata nova data por un defecto de forma, segundo informaron a Europa Press fontes da plataforma.

En concreto, segundo apunta o colectivo, as catro persoas foron citadas mediante escritos nos que unicamente se modificaban os nomes, polo que tanto a Fiscalía como a defensa pediron o aprazamento por "indefensión".

Coincidindo coa hora para a que estaban fixados os xuízos, na mañá deste mércores, en torno a un centenar de persoas manifestábanse ás portas dos Xulgados de Santiago, para manifestar o seu apoio a estes compañeiros e para denunciar que o estado pretende "invisibilizar" aos movementos cidadáns mediante accións deste tipo.

Desta forma, segundo critican, o que conseguen é que "se mete o medo a xente", e elas, as familias, "son as que teñen que volver perder o medo", para loitar contra unhas leis que Stop Desahucios Compostela cualifica de "inxustas".

"O único que facemos é premer para que as persoas non queden sen vivenda. E todos os casos foron favorables, salvo o de Aríns,", indica María, unha voceiro do colectivo.

"PODER SOCIAL"

A este respecto, chama a atención sobre o "apoio tan grande" que a puido visibilizar esta xornada, cunha concentración numerosa, e tamén destaca as case 300 autoinculpacions que presentaron, dentro da campaña denominada 'Eu tamén estiven en Aríns'.

Agora, e tras esta demostración de "poder social", Stop Desahucios da capital galega espera que os xuízos non vaian a máis, ao advertir de que, "se non", deberán "citar as 300 persoas" autoinculpadas polos feitos.

Ademais, esta voceiro censura a "falsidade" que recolle un atestado policial polo que se denunciou ao mediador nomeado para aquel desafiuzamento, feito que derivou nunha denuncia, á súa vez, interposta contra os axentes en cuestión.

O desafiuzamento de Aríns chegou a executarse malia que existe unha denuncia "por estafa", segundo sinala María, que "segue o seu curso". "Pero prevaleceu o desafiuzamento", reprocha, para incidir sobre que, ao seu xuízo, é neste tipo de cuestións nos que debe poñer o foco, e sobre outras como o incremento de lanzamentos que se produciu no terceiro trimestre de 2014, segundo as cifras oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial (+7,3%).