Traballo achega 1,2 millóns para poñer en valor "a paisaxe, patrimonio e persoas" de Ribeira Sacra e Costa da Morte

Un grupo de titulados de Galicia buscará "desenvolver as potencialidades" das zonas para crear "riqueza e emprego"

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 9 mayo 2008 16:51

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 May. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Traballo destinará 1,2 millóns de euros a financiar un programa que servirá para poñer en valor "a paisaxe, o patrimonio e as persoas" de dúas bisbarras galegas: Ribeira Sacra (Ourense) e Costa da Morte (A Coruña).

Así asegurouno hoxe o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, nunha rolda de prensa en Santiago, na que explicou que o proxecto nace co obxectivo de que se cre "riqueza, desenvolvemento e emprego" nestas zonas mediante o traballo dun grupo de profesionais de distintos campos que, conxuntamente, farán un labor "magnífica" na "dinamización e posta en valor de zonas con enormes recursos".

Deste modo, xornalistas, economistas, arquitectos, licenciados en Historia e Historia da Arte e en Turismo, entre outros; con "ambición e imaxinación" serán os encargados de "descubrir" todas as "potencialidades" das dúas bisbarras galegas para sacar adiante iniciativas emprendedoras.

"A idea é que se xere actividade en Galicia mediante a posta en valor da nosa riqueza, a nosa historia e o noso patrimonio, para que os nosos titulados poidan traballar aquí", resumiu o titular de Traballo.

"MODELO DE DESENVOLVEMENTO" PARA GALICIA.

Ricardo Varela tamén informou de que a encargada de desenvolver o proxecto será a Fundación Santa María la Real de Palencia, cuxo presidente, José María Pérez, destacou que o patrimonio, a paisaxe e as persoas son "os tres valores principais dun sitio, as súas promesas de futuro".

Por iso, a fundación que preside utilízaos como "base das propostas" para o "modelo de desenvolvemento" que se exportará "solidariamente" a Galicia "de xeito experimental", posto que, ao seu xuízo, o modelo é "transplantable" sempre que haxa xente "con espírito de traballo e imaxinación".

"É perfectamente factible que os titulados creen iniciativas de futuro facendo que o legado da súa terra se recupere e se converta no futuro", asegurou e, na mesma liña, anhelou que o programa sirva para que os novos galegos queden en Galicia" e sintan o "orgullo" de facer "mellor" a súa bisbarra.

Por iso, o proxecto concíbese como un contrato de dous anos a un grupo de titulados que teñen que ver o que hai e buscarse a vida como promotores e emprendedores", é dicir, non só ser emprendedores senón fomentar e axudar aos empresarios e novos locais a sacar adiante proxectos, informándoos das axudas e subvencións.

"POTENCIALIDADES" DAS BISBARRAS.

O director da Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) 'Terras de Galicia', Carlos Álvarez, explicou que este proxecto constitúe un "módulo de intervención" en dúas bisbarras galegas co fin de "desenvolver as súas potencialidades".

Deste modo, incidiu en que a Ribeira Sacra reúne "interesantes" recursos paisaxísticos con arte románica e unha "importante" actividade vitivinícola; mentres que a Costa da Morte conta cun "carácter emotivo e misticista" que conxuga cun "grande" contido gastronómico de "indubidable potencial".

Tras esta análise, constatou que "hai que poñer en valor os recursos consubstanciais á terra, ao mar e á xente", relacionándose e colaborando cos concellos, as asociacións locais e as Pemes, co obxectivo de "conxugar" as novas iniciativas coas xa existentes.

Ademais, indicou que o plan de traballo que se leve a cabo debe perseguir o desenvolvemento territorial e ser "sostible" e "duradeiro" no tempo, co fin de que a xente nova e os galegos "fagan a súa vida laboral" en Galicia".

"EQUIPARAR" A D.O. RIBEIRA SACRA AO VEGA SICILIA.

Por outra banda, o presidente da Fundación Santa María la Real destacou a Ribeira Sacra como un dos ámbitos "máis suxestivos" de España, cunha paisaxe "á que non se lle pode pedir máis.

"Unha paisaxe cun colorido impresionante, mosteiros románicos colgando sobre o Río Sil e rodeados de viñedos", describiu e defendeu un turismo para esa zona baseado na "paisaxe, a cultura e a gastronomía".

Deste modo, apostou por crear un viño de Denominación de Orixe (D.O.) Ribeira Sacra que se poida equiparar ao Vega Sicilia, mediante a utilización de materia prima "de calidade"; ao tempo que ampliou a súa "aposta pola calidade" a "conservar o patrimonio".

Contenido patrocinado