Traballo denuncia que o bipartito "multiplicou por 3" as subvencións a catro empresas da Zeta en 2007

Beatriz Mato comparece en el pleno del Parlamento
ANA VARELA
Actualizado: miércoles, 26 noviembre 2014 18:54

A deputada do PSdeG María Quintas acusa á Xunta de "mentir" coas axudas e censura que lle computen as de 2005

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Nov. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, denunciou que o bipartito "multiplicou por tres" as subvencións dadas a catro empresas que están investigadas na denominada 'Operación Zeta', asunto xudicial no que se viu salpicado o seu departamento coa dimisión do que fose director xeral, Odilo Martiñá, que está imputado.

En resposta a unha interpretación formulada pola deputada do PSdeG María Quintas, a titular deste departamento autonómico deu a coñecer as cifras de axudas referidas a catro empresas investigadas dende o ano 2005, aínda que segundo revelou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control, a investigación xudicial está ampliada a 2010, cando gobernaba Manuel Fraga.

Deste xeito, e a unha semana da súa comparecencia para explicar os mecanismos de control sobre cursos de formación, Beatriz Mato indicou que, dende 2005, se deron 10,3 millóns de euros, 6,1 por parte do goberno anterior e 4,1 a cargo do actual goberno.

A media é de 1,1 millóns de euros para ao ano para catro empresas vinculadas con Gerardo Crespo --Azetanet, Gecreri, Fundefo e AED--.

Segundo os datos achegados pola consellería apuntan que, durante o bipartito, Gecreri recibiu 2,3 millóns en axudas e durante os gobernos de Feijóo, 1,8; é dicir, 469.000 euros por ano no caso do bipartito e 316.000, por parte do goberno actual.

Pola súa banda, chamou a atención sobre Fundefo, que pasou de 188.000 euros en 2006, a 544.000 euros en 2007 e 814.000 euros en 2008. En canto a AED, pasou de cero euros a 138.000 en 2007; mentres que Azetanet recibiu en 2007 326.000 euros, e en 2013, por exemplo, 114.000 euros.

A titular de Traballo chamou a atención sobre as cifras de 2007, cando as contías multiplican as que se daban o ano anterior, unha media de tres veces máis, algo que acusou de "esaxerado". Así, puxo o acento en que, por exemplo, Gecreri pasou de 315.000 euros en 2006 a 928.000 o exercicio seguinte.

"FINANCIAMENTO ILEGAL"

Pola súa banda, a deputada socialista recriminoulle que o sumario da investigación fala de "financiamento ilegal" do PP e proclamou que os populares "están en todas as tramas, en todas as festas".

Ademais, María Quintos denunciou que a conselleira "mente" cando "imputa" a un goberno en funcións axudas, xa que, dixo, as de 2005 compútallas ao bipartito, que chegou en agosto dese ano.

"Menten a sabendas, o goberno en funcións deixou feita un baremo, pero a señora Mato fixo unha ampliación na que se inclúe unha empresa de Crespo e unha segunda ampliación na que se incluía unha segunda empresa do señor Crespo, acusou a parlamentaria socialista.

A parlamentaria do PSdeG tamén incidiu en que, no sumario da 'Operación Zeta', se inclúen mensaxes "dun recoñecido militante" do PP que se fotografou co presidente da Xunta e do Goberno central. "Salpica directamente" ao PP, espetou.

"MEMORIA SELECTIVA"

Sobre as fotos con Gerardo Crespo, Beatriz Mato acusou aos socialistas de ter "memoria selectiva", en referencia a un recoñecemento feito ao agora voceiro parlamentario dese grupo, José Luis Méndez Romeu.

A conselleira de Traballo defendeu que "o delito non é conceder as subvencións, senón non ver o que se fai coa subvención" e, neste sentido, reivindicou que o goberno ao que pertence foi o primeiro en fiscalizar as axudas a programas integrais.

Neste sentido, indicou que había auditorías e controis sobre outros cursos de formación dende 1998, cando se empezaron a facer, pero engadiu que foi a Xunta que dirixe Alberto Núñez Feijóo a primeira en inspeccionalos. "Ninguén as inspeccionara antes", reivindicou.