Xulgan a un home por estafar 90.000 euros a dúas irmás alegando que estaba enfermo

Actualizado: domingo, 18 febrero 2018 14:26

    A CORUÑA, 18 Feb. (EUROPA PRESS) -

   A Audiencia Provincial da Coruña xulgará o día 21 a un home acusado de estafar a unha muller que coñeceu despois de facerlle unhas obras en casa. Segundo a Fiscalía, fíxolle crer que sufría unha grave enfermidade, conseguindo que ela e a súa irmá lle entregasen uns 90.000 euros.

   O fiscal solicita que sexa condenado a catro anos e medio de prisión, o abono dunha multa e que lles devolva o diñeiro, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en relación a uns feitos que se produciron en 2008.

   No mes de outubro, a muller, con domicilio na Coruña, contratou os servizos do acusado para realizar unhas obras en casa. Durante a realización das mesmas, o home comprobou que a muller vivía soa e tiña aforros. Con posterioridade, seguiu mantendo contacto con ela e, segundo o Ministerio Público, "urdiu un plan".

SUPOSTO CANCRO

   Alegando que gozaba de mala saúde, que estaba arruinado e que necesitaba urxentemente diñeiro para ser tratado dos seus achaques, conseguiu que a muller lle dera diñeiro. Nunha das ocasións, manifestoulle tamén que tiña cancro de testículos nunha fase moi avanzada e que debía tratarse en Estados Unidos.

   A muller deulle diversas cantidades de diñeiro entre 2009 e 2012, chegando a realizarlle distintas entregas. Ademais, convenceu á súa irmá para que lle entregara ao acusado diñeiro. En total, o home recibiu de ambas 90.200 euros, que incorporou ao seu patrimonio.