SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -
A concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis, admitiu este venres que a Xunta mantivo reunións con Turkish Airlines "para estudar qué aeroporto", dos tres galegos, "era o mellor" para o desembarco da compañía.
Preguntada polos xornalistas, antes de participar na inauguración dunhas xornadas, sobre a influencia do Goberno autonómico na chegada desta empresa ao aeroporto da capital galega, negou que se lle concederan axudas públicas.
"Turkish Airlines non pide subvencións, é unha gran compañía, non necesita subvencións", aseverou, e cinguiu as actuacións da Xunta a "reunións". "Segundo teño entendido, tiveron reunións con eles para estudar qué aeroporto era o mellor e demais", remarcou, e a iso agregou o seu "apoio" para o evento de presentación da compañía.
Ademais, Reyes Leis indicou que o Executivo autonómico "agora vai facer campañas de promoción, como se fan con calquera outro destino e compañía aérea".
Pronunciouse deste modo despois de que a voceira do PSOE no Concello da Coruña, Mar Barcón, demandase o xoves á Xunta aclarar "de xeito urxente" se interviñera "de xeito activo" en que Turkish Airlines operase dende Santiago, "privando a Alvedro desta aerolínea" cando o Concello herculino "estaba a negociar" con ela.
"É PARA TODOS"
Dito isto, a concelleira da capital galega puxo en valor que o Concello de Santiago leva "un ano e medio" mantendo reunións cos responsables desta empresa para "pedirlles que aposten por Santiago".
"A clave é conseguir para Galicia, porque nos guste ou non Santiago está no centro e é para todos, que teñamos un voo da calidade de Turkish Airlines que nos une a 99 países", remarcou, e apelou a "deixarse de localismos e parvadas que non benefician a ninguén".
De feito, aseverou que a ela lle "encantaría" tamén se os voos coa aerolínea turca fosen "a outra cidade". "Porque achegaría moitísimo para toda Galicia", argumentou, no medio da polémica entre os tres aeroportos da comunidade.
REXEITA PECHAR AEROPORTOS
Cuestionada sobre a proposta realizada polo Foro Cívico de pechar os aeródromos de Vigo e A Coruña, Reyes Leis mostrouse contraria ao opinar que "se poden facer cousas nesas terminais sen ningún tipo de problema".
"As infraestruturas son para usalas", defendeu a tamén primeira tenente de alcalde de Compostela, aínda que, iso si, admitiu que "evidentemente" eses aeroportos "teñen unhas deficiencias e problemas de cara a funcionar sós".
COORDINACIÓN ENTRE OS TRES AERÓDROMOS
É por iso que avogou por "coordinar" os voos nacionais, en relación ás conexións con Madrid e Barcelona. "Aí podemos traballar xuntos e, no tema internacional, evidentemente Santiago ten un liderado", abundou, antes de sinalar que A Coruña ten "interese" nunhas rutas e Vigo, por Citroën, noutras.
Así, fixo fincapé na importancia de "traballar todos xuntos" e rexeitou "romper o sistema de xeito totalmente artificial, localista e manipulado". "Paréceme, sinxelamente, bastante lamentable, e que a sociedade non o merece", concluíu a concelleira de Turismo da capital galega.