Unha mostra reúne por primeira vez as fotos máis antigas de Galicia, que o "esquecido" pioneiro Cisneros fixo en 1858

Hernández, Vázquez y Alvarellos en la muestra 'As fotos máis antigas de Galicia'
ARXINA
Actualizado: martes, 2 septiembre 2014 17:42

Recolle diversas imaxes da cidade de Santiago, como a Catedral dende diferentes perspectivas, a Alameda e a Exposición Rexional Galega

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Sep. (EUROPA PRESS) -

Unha mostra reúne en Santiago por primeira vez as fotos máis antigas de Galicia, que datan do ano 1858, e as maiorías das cales foron realizadas con motivo da visita da raíña Isabel II á Exposición Rexional Galega celebrada en Compostela. Esta é unha serie de 19 fotos feitas polo "esquecido" pioneiro da fotografía galega, Andrés Marcelino Cisneros, que se completa con outra imaxe de Ferrol, de autor anónimo.

Este martes presentouse en Santiago a exposición 'As fotos máis antigas de Galicia', de "excepcional" importancia histórica, que acollerá o Café Casino durante o mes de setembro --antes percorrer diversos centros socioculturais compostelanos e comezar unha xira por toda a Comunidade--, comisariada polo editor, Henrique Alvarellos.

En rolda de prensa, Alvarellos foi o encargado de presentar esta exposición de fotos que "nunca se viron todas xuntas en público ata agora", acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez; e o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, dúas entidades que apoiaron a organización desta iniciativa.

Así, Alvarellos explicou que atopou no Pazo Real de Madrid un álbum de regalo á raíña Isabel II con motivo da súa visita a Santiago en setembro 1858 --era Ano Santo--, da que se encargou o compostelano Andrés Cisneros. Este artista, natural do barrio de Sar, tivo o primeiro estudio fotográfico de Galicia sito no número 45 da Rúa Nova, pouco máis dunha década despois do inicio da fotografía. A elas únense outras imaxes que pertencen ao Museo do Pobo Galego, Museo de Pontevedra e ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Deste modo, o comisario desta exposición erixiu a Cisneros como "unha figura única, irrepetible na historia da fotografía galega", que sitúa a Galicia como referente no nacemento desta arte e técnica en España, pero del "case ninguén se acordou ata agora, só un reducidísimo grupo de especialistas o citaron nos anos 80 e 90 do século pasado". Entre eles, citou a José Luis Cabo Villaverde, así como a Xosé Henrique Acuña ou Guillermo Escrigas.

"UN ACTO DE XUSTIZA"

Tras destacar que "é moi posible" que aparezan máis fotos de Cisneros desa época en futuras investigacións, Alvarellos lamentou que este "apenas é citado" na historiografía da fotografía en España. Por todo iso, considera esta exposición "un acto de xustiza na recuperación da memoria e importancia histórica do grande fotógrafo Cisneros".

Por iso, pediu que co fin de rehabilitar a importancia histórica dun artista como Cisneros, que tamén foi retratista de pincel, "se pode comezar" con poñer unha placa no número 45 da Rúa Nova na súa honra.

TEMÁTICA

No tocante á temática das fotografías, nelas recóllense imaxes da Exposición Rexional Galega que se celebrou no claustro de San Martiño Pinario, nas que aparecen persoas, "algo moi difícil de atopar en fotos da época", segundo Alvarellos.

Noutras, pódense ver o "desaparecido" Paseo de París na Alameda, un arco do triunfo en Porta Faxeira posto para recibir o monarca, a Catedral dende varias perspectivas, unha curiosa montaxe fotográfica do Pazo de Raxoi e a Praza do Obradoiro --aínda de terra--, así como o Campo de San Clemente visto da Alameda. Isto complétase co coñecido como Dique de Mareas, en Ferrol.

O "ÁLBUM DE FOTOGRAFÍAS MÁIS ANTIGO DE GALICIA"

Pola súa banda, o conselleiro Jesús Vázquez valorou a importancia desta exposición do "álbum de fotografías máis antigo de Galicia coñecido ata agora", obra dun "auténtico precursor da fotografía galega e española". Un "regalo documental e artístico", apreciou.

Sobre esta "Compostela eterna", o titular de Cultura cre que a mensaxe de Cisneros chega para "manter as bases" da propia identidade galega, "cunha visión inédita" da cidade de Santiago "a través da magnífica ventá" do artista.

Nesta liña, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, referiuse ao contexto que retratan as fotografías dunha Compostela duns 20.000 habitantes, con camiños de terra, dúas décadas antes da primeira vía de tren galega, e nun momento "de dificultades" nun mundo eminentemente baseado no sector primario. Por iso, ve "impresionante" unha iniciativa como a Exposición Rexional de 1858, da que queda constancia grazas a Cisneros.

Deste xeito, Hernández cre que ao igual que Cisneros outros fotógrafos aínda permanecen no anonimato e merecen "xusto recordo" debido á súa contribución para mostrar parte da historia galega e "da evolución" de Santiago. Por iso, defende que o Concello de Santiago "debe continuar na tarefa de dignificación e pervivencia do legado e a memoria dos seus veciños". Finalmente, o rexedor concluíu a súa intervención cun recordo do recentemente falecido exrreitor da USC Manuel Lucas Álvarez.