Unha testemuña di ante Fiscalía que o Concello vigués deu indicacións a unha empresa sobre a quen debía contratar

Actualizado: martes, 23 septiembre 2014 13:56

VIGO, 23 Sep. (EUROPA PRESS) -

Unha testemuña declarou este martes ante a Fiscalía de Vigo que a empresa adxudicataria do servizo de conserxaría e xestión dos centros cívicos da cidade recibiu instrucións do Concello acerca do persoal que debía seleccionar para ese traballo.

Segundo indicou esta testemuña, extraballadora da anterior contrata que se dedicaba a ese servizo, cando se rematou a concesión, en primavera do 2013, e se abriu o proceso para adxudicala outra vez, a nova empresa fíxose cargo sen subrogar os catro traballadores (malia que foran subrogados en anteriores procesos, e levaban 10 anos traballando nos centros cívicos).

Ante o risco de perder os seus empregos, os traballadores destas instalacións presentáronse na sede da nova adxudicataria, e concertaron unha cita cos seus responsables para o 17 de xuño. A súa sorpresa foi grande cando descubriron que, cinco días antes desa cita, a empresa presentou un listado de currículos co novo persoal (entre os que figuraba un familiar dun coñecido exdirixente sindical da cidade e funcionario municipal).

Cando os traballadores pediron explicacións á nova adxudicataria sobre a contratación de persoal diferente, os responsables da empresa recoñeceron que non subrogaran as traballadoras porque tiñan indicacións do Concello sobre a quen debían contratar, sempre segundo a versión desta testemuña.

SUPOSTOS 'ENCHUFES'

A mediados de setembro, unha plataforma cidadá presentou unha solicitude de investigación na Fiscalía de Vigo sobre unha suposta trama de 'enchufes' no Concello olívico, con contratacións de persoas afíns aos concelleiros, familiares, etc. Semanas despois, a mesma plataforma ampliou esa denuncia incluíndo un suposto contrato "ficticio", o dunha cuñada de Carmela Silva (tenente de alcalde e edila de Urbanismo).

Dáse a circunstancia de que esa persoa estivo contratada entre 2008 e 2013 na empresa que xestionaba os centros cívicos de Vigo, pero, segundo a testemuña que declarou este martes en Fiscalía, solo foi traballar "uns poucos días" e logo desapareceu, aínda que seguiu contratada. Non obstante, esta testemuña precisou que a fiscal non lle formulou ningunha pregunta relativa á situación desa outra traballadora.