Unha única candidatura "acordada" concorre á Executiva Confederal da CIG, que celebra a fin de semana o seu congreso

Suso Seixo, secretario xeral de la CIG, presenta el VI Congreso del sindicato
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 23 mayo 2013 16:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 May. (EUROPA PRESS) -

Unha única candidatura "acordada polas distintas sensibilidades" presentarase á Executiva Confederal da CIG, encabezada polo actual secretario xeral, Suso Seixo. A central sindical celebra esta fin de semana os seus VI Congreso en Santiago de Compostela.

Segundo informa o sindicato, este xoves finalizaba o prazo para a presentación de candidaturas á Executiva Confederal e á Secretaría Xeral a elixir no VI Congreso os días 25 e 26 de maio.

En ambos os dous casos presentouse unha única candidatura "que foi acordada polas distintas sensibilidades actuantes" na central sindical, explica a CIG.

Así, a candidatura da Executiva Confederal está encabezada polo actual secretario xeral, que tamén é o único aspirante á Secretaría Xeral.

Suso Seixo confirmara ao inicio da semana que optaría á reelección no cargo no VI Congreso Confederal do sindicato, que esta fin de semana renovará a súa dirección, e considerara que entra dentro da "normalidade" da organización que se presentasen candidaturas alternativas e críticas coa actual dirección.

Ao respecto, indicara que as posturas críticas dentro do sindicato son "o habitual" e os congresos adoitan acoller a presentación de entre tres e catro candidaturas para a Executiva, aínda que finalmente se presentará unha única.

VI CONGRESO CONFEDERAL

A cita arrancará, baixo o lema 'É necesario, é posibel. Organización, loita, soberanía,', ás 9.00 horas deste sábado coa recepción de congresistas e entre as 19.30 e as 20.00 horas será a quenda de presentar as candidaturas, tras o debate de diferentes documentos.

O domingo produciranse as votacións entre as 10.00 e as 11.00 horas para elixir Executiva Confederal, Secretaría Xeral e Comisión de Garantías, e procederase a continuación ao reconto. A partir das 11.30 horas farase a clausura.

Ao congreso acudirán 25 delegados internacionais; así como 540 delegados electos por estruturas e delegacións, 136 do consello Confederal e outros seis da Comisión de Garantías.

Contenido patrocinado