Unhas 200 persoas encérranse na sede da patronal en Vigo con motivo da folga de traballadores de limpeza

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 18 noviembre 2008 14:09

VIGO 18 Nov. (EUROPA PRESS) -

Unhas 200 persoas encerráronse hoxe na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) en Vigo durante unha hora e media con motivo da folga indefinida que os traballadores de limpeza de locais e edificios da provincia manteñen dende onte.

A voceira de UGT, Rosa Acuña, explicou que o motivo do encerro, que comezou ás 11.00 horas, é manifestar o desacordo dos traballadores coa "actitude" da patronal, que nas últimas horas emitiu un comunicado en defensa das empresas do sector. "A CEP di que os seus asociados teñen a razón, pero estes traballadores teñen que loitar por un convenio digno", afirmou Acuña.

Os piquetes percorreron durante a mañá de hoxe diversos edificios, centros comerciais e outros locais "para comprobar que ninguén estivese a facer o traballo dos folguistas", sinalou a voceira sindical, ao tempo que confirmou que o seguimento no campus universitario "é do cen por cento".

Pola súa banda, o presidente da CEP, José Manuel Fernández Alvariño, cualificou a protesta de "impresentable" e lamentou a "mala imaxe" que se proxecta de Vigo no exterior. Neste senso, afirmou que "así non se traen os investimentos á cidade e acentúase a crise".

O presidente da patronal pontevedresa anunciou que se reunirá con representantes sindicais, aos que vai esixir "que controlen aos seus descontrolados". Ademais, subliñou que "así non hai forma de dialogar" e remitiu aos folguistas á mesa de negociación aberta. "A miña casa, a casa dos empresarios, foi invadida", lamentou.

Sobre as 12.40 horas os traballadores encerrados abandonaron voluntariamente a protesta entre consignas e berros como "esta batalla a imos gañar".

Contenido patrocinado