UU.AA. traslada a Barreiro e López Veiga tres proposta para mellorar a lei de cadea alimentaria no Senado

Roberto García considera que "sería moi difícil de explicar o rexeitamento" destas emendas en caso de que o PP as defenda

Roberto García
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 18 junio 2013 22:59

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Jun. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA.), Roberto García, reuniuse este martes co voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro, e con quen será o relator dos populares da Lei de Cadea Alimentaria Enrique López Veiga, aos que trasladou tres propostas que defende a súa organización para mellorar esta norma no seu último trámite na Cámara Alta.

En declaracións a Europa Press, García considera que "sería moi difícil de explicar o rexeitamento" destas emendas en caso de que o grupo maioritario as defenda no debate, debido á orixe galega de ambos os dous voceiros.

En concreto, o sindicato que lidera pediu que a lei incorpore a figura do mediador para o sector lácteo, "imprescindible para contrarrestar a posición de dominio da industria" e a posibilidade de que, ante unha falta de acordo, as empresas utilicen este factor "como elemento para premer" aos gandeiros.

En segundo lugar, reclamou que se estableza unha sanción administrativa á venda do produto en orixe a perdas, posto que, aínda que é algo que xa está regulado noutras normas, UU.AA. pretende que teña este carácter para que o procedemento sexa "máis rápido".

Malia o informe desfavorable sobre este punto da Comisión Nacional da Competencia (CNC), García subliñou que esta solicitude se limita ao mercado do leite, para o que, segundo afirmou, a Unión Europea establece unha "excepción" no relativo ás normas de competencia.

Un terceiro apartado, vinculado co anterior, refírese a lograr que as poxas electrónicas de leite que estean por debaixo dos custos de produción "se consideren baixas temerarias e poidan declararse desertas".

LÓPEZ VEIGA, "PRUDENTE

"López Veiga trasladounos que comprendía esta formulación e, aínda que quixo ser prudente para non asumir un compromiso persoal, dixo que se sentía próximo e vía razoable esta demanda de mínimos", resaltou o secretario xeral da central.

Segundo os prazos apuntados por García, tras rematar a fase de presentación de emendas este martes, comeza o período de transacción dos grupos e está prevista a votación da lei no pleno do Senado os días 8 e 9 de xullo.

Contenido patrocinado