Actualizado: martes, 17 octubre 2017 17:08

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou que "o 100% dos incendios" forestais rexistrados durante o pasado fin de semana "foron intencionados" e tamén afirmou que a superficie queimada polos 276 lumes desta onda "vai ser superior a toda a ardida durante o ano".

   Así o avanzou durante unha comparecencia a petición propia no pleno do Parlamento de Galicia, na que, como en anteriores ocasións, non cifrou o número de hectáreas calcinadas nin no que vai de ano nin nos últimos días.

   Iso si, lembrou que a tempada de verán acabou o 30 de setembro cun terreo queimado un 44% inferior ao que ardeu en 2016 ata esa data, e contabilizou esta diferenza en 9.000 hectáreas menos.

   O balance do verán (de 1 xullo a 30 setembro), segundo engadiu, deixou un número de incendios un 20% inferior ao do mesmo período de 2016, e cun 70% menos de superficie queimada, isto é, 6.000 hectáreas menos.

   En 2016, de acordo cos datos que analizou o Consello da Xunta, a comunidade superou as 20.000 hectáreas queimadas (20.347), máis de 9.000 de monte arborado, ata comezos de novembro.

Más noticias