Valedora do Pobo con Miguel Santalices
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 27 marzo 2017 17:02

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 27 Mar. (EUROPA PRESS) -

O número de actuacións de atención á cidadanía do Valedor do Pobo (queixas, atención telefónica e presencial) aumentou en 2016 nun 62 por cento ata alcanzar a "histórica cifra" de 75.780. Delas, extráese un incremento tamén dos expedientes de queixa (64.937) e do número de asuntos investigados (2.356), sendo as políticas das corporacións locais, emprego público e interior e sanidade, os asuntos que máis preocupan aos cidadáns.

Así o recolle o informe da institución relativo ao ano pasado, que presentou este luns, tras entregar unha copia ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a valedora do Pobo, Milagros Otero, quen ligou este "incremento" á presentación de queixas colectivas e tamén a que a institución se consolida como "instrumento público" garante dos dereitos dos galegos.

En total, foron admitidas a trámite o 99,4 por cento das queixas presentadas. Otero destacou a mellora na "axilidade" da tramitación, xa que antes de acabar o ano pasado o 99,8 por cento xa estaban concluídas. Por primeira vez no histórico da institución, máis homes que mulleres recorreron á mesma --un 65 por cento fronte ao 35 por cento masculino--.

A institución promoveu 21 queixas de oficio e emitiu 103 recomendacións aos entes públicos para corrixir os seus actos administrativos. Das 93 que obtiveron resposta dentro da anualidade, resultaron aceptadas o 84 por cento.

En xeral, a valedora detectou "boa disposición" dos entes supervisados para colaborar co Valedor e non quixo verbalizar as institucións máis remisas, rememorando a súa época de profesora e subliñando que "o que menos lle gustaba" era "pór as notas", ademais de incidir en que o seu traballo non é sinalar, senón buscar a cooperación das administracións.

En 2016 non houbo declaracións de hostilidade e só se tivo que reclamar o cumprimento das obrigacións nun 0,15 por cento das investigacións.

(HABERÁ AMPLIACIÓN)

Más noticias