Vázquez (BNG) avisa a Feijóo de que "canto máis tarde en retirar" o decreto, "máis contestación" social recibirá

Quintana cre que a Xunta "ten suficientes razóns" para repensar os seus actos e lle advirte de que "atacou un sentimento"

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 21 enero 2010 15:37

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Ene. (EUROPA PRESS) -

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, advertiu hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que "canto máis tarde en retirar" o coñecido como decreto do plurilingüismo, "máis contestación" recibirá por parte da sociedade galega, que lle "demanda" que dea marcha atrás.

En declaracións aos medios antes de comezar a manifestación contra as bases do decreto, Vázquez destacou que a de hoxe constitúe unha "mobilización no ensino nunca visto na historia deste país" e asegurou que "volve poñer de manifesto" que o decreto do PP "ten que ser retirado xa".

"Dixémoslle a Feijóo que canto máis tarde en retirar a política lingüística, máis contestación social", exhortou o líder nacionalista, "quen se preguntou a que ten que esperar para darse conta de que o seu rexeitamento é absolutamente rexeitado".

Así, destacou que antes do mediodía, a capital galega xa contaba con "miles de persoas, incluídos miles de estudantes" que, "nun día laborable", se manifestaron para "dicirlle que retire o decreto e que o faga dunha vez".

Neste sentido, Guillerme Vázquez invitoulle a "volver ao consenso, ao plan de normalización lingüística" --aprobado en 2004 pola unanimidade do Parlamento autonómico na última lexislatura do ex presidente Manuel Fraga--. "Iso é o que ten que facer, nada máis, non demorar unha solución que lle pide a sociedade galega", proclamou.

RESPOSTA MASIVA E FERIR SENTIMENTO

Practicamente todos os membros da Executiva Nacional e deputados autonómicos do Bloque, ademais doutros dirixentes da formación frentista, secundaron a mobilización convocada para hoxe pola plataforma Queremos Galego, entre os que se atopaba o ex voceiro nacional e agora parlamentario, Anxo Quintana, quen puxo o acento na "resposta masiva" en contra do decreto.

Así, expresou, en declaracións aos medios, que a marcha de hoxe "demostra que Feijóo e o seu goberno emprenderon unha guerra contra un sentimento, o da inmensa maioría dos galegos", e argumentou que os cidadáns, falen ou non a lingua propia, quérenlle ben ao galego e non poden nin van admitir ningunha agresión" contra ela.

"Hai aquí suficientes razóns para que un goberno democrático repense os seus actos e intente volver ao consenso", constatou Anxo Quintana, quen considerou "desafortunado e perigoso" que un executivo "rompa o consenso nunha materia tan importante para intentar implantar unha alternativa partidista e ideolóxica que só avalada polo seu goberno e partido".

"A sociedade galega, moi maioritariamente, vote PP, PSOE ou BNG, está en contra de que o goberno impoña a destrución do galego", avisou e remachou: "Espero que Feijóo tome nota e rectifique".

Contenido patrocinado