Vázquez (BNG) avisa de que se Madrid presenta un recurso á lei de caixas galega supón confirmar a "deslocalización"

Censura ao PSdeG por sairse dunha postura de país e vai as críticas da CECA a "mellor proba" de que o Parlamento autonómico "acertou"

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 25 enero 2010 18:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Ene. (EUROPA PRESS) -

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, avisou hoxe de que un eventual recurso do Goberno central á lei de caixas de Galicia "confirmaría que o obxectivo do Estado é levar o aforro galego fóra do país", ao tempo que ratificaría "a evidencia de que Madrid insiste no seu deseño de deslocalizar as caixas".

"O que está en xogo dende o principio neste debate é o destino dos aforros dos galegos", avisou o líder nacionalista, quen lamentou o papel de "quitacolumnista" de Madrid que desempeñan "tódolos que se comportan como satélites do Estado", entre os que citou o PSdeG.

"Os socialistas galegos non teñen unha posición de país. Simplemente repiten consignas madrileñas", lamentou, para constar que un recurso de inconstitucionalidade "sería un ataque en toda regra ao autogoberno de Galicia" e unha demostración de que o Goberno do Estado "dá a Galicia un trato moi diferente ao que outorga a outros territorios".

Guillerme Vázquez fixo un chamamento explícito á sociedade galega para que "se manteña firme" ante o deseño estatal e "defenda os seus lexítimos dereitos fronte a unha política totalmente contraria ás necesidades do pobo galego", proclamou.

CRÍTICAS CECA

Ao respecto das críticas verquidas pola Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA), o líder do Bloque mostrou a súa "convicción" de que "son a mellor proba de que o Parlamento galego" acertou de pleno ao aprobar esta normativa. "Aquilo que lle critican como negativo é xustamente o máis positivo da lei", subliñou.

Así, defendeu que a normativa aprobada na Cámara autonómica "non é que sexa intervencionista, senón que pon fin" a unha época en que os poderes públicos democráticos non tiñan ningunha capacidade para orientar o sistema financeiro do país, e recordou que, precisamente nese período, foi cando se rexistrou "a orixe da grave crise" económica.

Neste contexto, o voceiro nacional do Bloque emprazou, de novo, ao Executivo galego a que "presente un recurso de inconstitucionalidade" contra o Fondo de Reestruturación Bancaria ordenada (FROB). "O FROB si que é inconstitucional, porque representa a violación de competencias que teñen atribuídas en exclusiva as comunidades autónomas", sentenciou.

Contenido patrocinado