Vázquez Portomeñe cre que o Parlamento é agora "un lugar de rifa" onde "prima a ideoloxía" sobre a obriga"

El político Víctor Vázquez Portomeñe, entre Francisco Rodríguez y Luis Celeiro
Foto: EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 24 abril 2014 15:41

Afirma que tivo moitos momentos "graves e tristes" durante a súa época en activo na política galega, pero que "se superan"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Abr. (EUROPA PRESS) -

   O político Víctor Vázquez Portomeñe cre que o Parlamento de Galicia, no que foi deputado nas catro primeiras lexislaturas, se converteu "nun lugar de rifa" no que "se escenifican as diferenzas e as pelexas" e onde, "en definitiva, prima a ideoloxía sobre a obriga, que é o ben común, o diálogo e o esforzo conxunto".

   "Espero que non ofenda a ninguén, pero agora o Parlamento galego véxoo como un lugar de rifa, non un lugar de oratoria nin de construción de consensos, nin da busca do ben común, nin do diálogo capaz de unir ás persoas e os obxectivos", destacou Vázquez Portomeñe durante a presentación do seu libro 'Testemuña e parte da historia recente de Galicia', este xoves en Santiago de Compostela.

   Preguntado por que é o que bota en falta da época do expresidente da Xunta Manuel Fraga, co que dirixiu varias consellerías e foi voceiro do Goberno, o lugués, natural de Taboada, resaltou que "o espírito de diálogo e de consenso", así como "a comprensión do rival" e a "capacidade de unirse para buscar un obxectivo común".

   Precisamente durante a exposición da súa obra aos medios --pola tarde terá lugar a presentación ao público no Paraninfo da universidade compostelana--, o xornalista Luis Celeiro definiu a Vázquez Portomeñe polo seu carácter "dialogante" e o editor Francisco Rodríguez Iglesias, que coincidiu en remarcar que foi "un home de consenso e de concordia", cualificouno como "o Suárez galego".

   En 'Testemuña e parte', este avogado e funcionario da administración local reflicte a historia que viviu e da que participou, segundo explicou, "entreverada de vivencias persoais".

   Ao respecto, cuestionado polo momento "máis duro" da súa etapa en activo na política galega, afirmou que "foron moitos" os transos "graves e tristes", posto que "quen goberna, mal descansa" --citando a Lope de Vega--, pero que "se superan". "Supéranse atopando o sorriso dos administrados, convivindo con eles", dixo.

A TRANSICIÓN

   "Quixen dar testemuño dunha etapa, para min, a máis fascinante da historia deste país", sinalou Vázquez Portomeñe en alusión á Transición e á construción da autonomía. Nas súas palabras, esta foi "a construción da liberdade recuperada" e chamou a atención sobre que este "fito", ao seu xuízo, "non se pode esquecer nunca xamais".

   A Transición, reflexionou Vázquez Portomeñe, "veu a recuperar a convivencia en paz nun país historicamente fracturado en dous". Así, de Suárez eloxiou que foi a "ponte que uniu ás dúas Españas" a través de elementos como o diálogo, a lealdade, a sinceridade e a verdade" e tamén que serviu "de muro de contención" a ambas as dúas partes, a "reaccionaria" e a "rupturista". Expuxo a súa idea, así mesmo, acerca da UCD e a súa desaparición como "partido sacrificado".

CAMIÑO DE SANTIAGO

   Xa sobre os anos da historia de Galicia que viviu en primeira persoa tanto o xornalista Luis Celeiro como o editor Francisco Rodríguez valoraron achegas como a lei de normalización lingüística, o plan Xacobeo de 1993 e o Camiño de Santiago, proxecto "cheo de riqueza espiritual e económica" e dun impacto "incrible".

   "Non lle estamos a prestar ultimamente a atención que debe", opinou o editor, para quen, "simplemente" por este feito, o de promover o camiño, Víctor Vázquez Portomeñe "ten que ser considerado".

   Non obstante o autor do libro evitou estenderse sobre esta época e optou por invitar a ler a obra, que non é "unha novela", tal e como constatou, e limitouse a enumerar presidentes galegos como Gerardo Fernández Albor --"un cabaleiro", como o cualificou--, Fernando González Laxe -- que fixo "contribucións" dende "a boa vontade" e a súa óptica para mellorar a comunidade -- e Manuel Fraga Iribarne.

   Segundo indicou, "aí", en Fraga, parou o seu relato dos feitos da historia recente de Galicia, "porque ata aí" chegou el "en activo na política", malia que posteriormente, entre outros labores, foi senador dende 1998 e xa en 2008 retirouse definitivamente da actividade política.

ESCRITO "CUNHA SUTILEZA ENORME"

   "Os libros de historia de Galicia do futuro utilizarán este libro", augurou o editor Francisco Rodríguez Iglesias, quen animou a ler dúas veces 'Testemuña e parte', porque, dixo, Vázquez Portomeñe "escribe cunha sutileza enorme" e ás veces "parece que non di as cousas pero as di".

   "Todo galego que ame Galicia debe ler este libro", remarcou Rodríguez Iglesias, quen durante o acto mostrou un póster da época co lema 'Fálalle galego' co que ilustrou o que, ao seu modo de ver, representou o de Taboada para a política galega.

   O editor tamén dedicou unhas palabras á nai do político, Salomé Portomeñe, á que atribuíu "un mérito impresionante" á luz do desenvolvemento profesional dos seus catro fillos, tres avogados e un profesor. "É boa xente", subliñou.