Vázquez (PSdeG) advirte do "berro unánime" contra o decreto do galego e invítalle a "reflexionar" para retiralo

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 21 enero 2010 15:39

SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Ene. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, advertiu hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, do "berro unánime" da sociedade galega contra o coñecido como decreto do plurilingüismo impulsado polo Goberno autonómico e invitouno a "reflexionar" para retiralo.

"Todos os sectores sociais, culturais e económicos teñen un berro colectivo pedíndolle ao presidente de Galicia que non ataque a lingua de Galicia", manifestou en declaracións aos medios antes de iniciar a marcha polas rúas de Santiago no transcurso da manifestación convocada pola plataforma 'Queremos Galego'.

Neste sentido, sostivo que é "incrible" que a sociedade teña que pedirlle ao presidente de Galicia" que non "ataque os sinais de identidade" do país e considerou que esta protesta debe "facer reflexionar a este goberno".

"Non pode construír este país atacando os sinais de identidade, Feijóo ten que facer un acto de humildade", proclamou o líder socialista, quen avisou ao mandatario autonómico de que "buscar puntos de encontro non pode ser a custa de enterrar a lingua propia".

A maiores, Manuel Vázquez subliñou que os "socialistas galegos están abertos ao diálogo e a falar" para alcanzar acordos nesta materia, pero avisou de que "o presidente de Galicia non pode ser o inimigo da lingua".

Ademais do secretario xeral dos socialistas galegos, tamén estiveron destacados dirixentes do PSdeG como o alcalde de Ames e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández, o deputado estatal Ceferino Díaz, e parlamentarios autonómicos como Guillermo Meijón, Ismael Rego, Pablo López Vidal, Sonia Verdes, María Quintas, Tomé Roca, José Manuel Lage Tuñas, Abel Losada ou Manuel Gallego Lomba.

Contenido patrocinado