Veciños de Punxín impiden a entrada de funcionarios ao Concello para evidenciar o "abandono" dos políticos

Actualizado: martes, 15 abril 2014 15:32

Critican que o alcalde, o tenente alcalde e o presidente da Deputación "non responden" a un tema investigado por Valedor e xulgado

OURENSE, 15 Abr. (EUROPA PRESS) -

Os veciños de Punxín (Ourense) impediron a entrada de funcionarios ao Concello para evidencia o "abandono" ao que, segundo din, lles someten os políticos nas diferentes administracións públicas, ás que reclaman mediación entre a comisión veciñal da auga e o alcalde, Manuel Vázquez, para que se reduza a taxa que pagan pola auga, xa que a súa xestión é directa e mantén cotas de cando a xestión era privada a cargo de Aquagest.

O voceiro veciñal Joaquín Moldes explicou a Europa Press que, tras 17 días de encerro, os veciños acordaron ás 5,00 horas "dar un xiro" para "facer público" o seu "chamamento" ás administracións, polas que se senten "abandonados", e decidiron pechar as portas para impedir a entrada dos tres funcionarios e o funcionamento normal da institución.

Tras un pleno municipal no que os catro edís do PP rexeitaron reducir a cota que pagan os veciños polo servizo da auga, a comisión veciñal acordou comezar o encerro na casa consistorial e reclamar mediación das diferentes administracións para chegar a un acordo co alcalde.

O primeiro en falar co rexedor local foi o delegado da Xunta de Galicia "pero sen resultado", segundo o voceiro da comisión. Posteriormente, recorreron á Deputación provincial onde "aseguraron" que fará chegar o aviso ao presidente provincia, José Manuel Baltar, segundo Moldes.

"Dixéronnos que responderían hoxe sobre a nosa petición de mediación pero temémonos que tampouco nos fagan caso, e é algo inaudito que aconteza isto cun tema tan de xustiza para os veciños de Punxín, e que xa está sendo investigado pola Xuíz de Lara, na operación Pokémon, e polo Valedor do Pobo", relatou Moldes.

DE VACACIÓNS

Para saber quen será o interlocutor, os veciños chamaron ao alcalde, que está de vacacións en Canarias, e, segundo comentou Moldes, "desentendeuse de todo", o mesmo que o tenente alcalde, Emilio Vaca, dende o seu traballo nunha empresa próxima ao pobo.

A xestión do servizo da auga en mans de Aquagest durante tres anos ata xaneiro de 2014, e os seus anteriores contratos co Concello de Punxín para analizar os pozos de captación e limpar as foxas sépticas, foron investigados pola xuíza de Lugo Pilar de Lara no marco da 'Operación Pokémon'.

Na documentación que se deu a coñecer ata agora desa operación, inclúense os informes de Vixilancia Aduaneira que conclúen coa petición de que se impute ao exalcalde Alfredo Cruz e ao exapoderado da empresa Aquagest por delitos de corrupción, e outro do Seprona de Lugo no que se detalla que a empresa abasteceu "a sabendas" a poboación con auga contaminada por arsénico, de forma natural, e que a Consellería de Sanidade non sancionou a esa empresa por esa actuación, a pesar de que as súas inspeccións detectaron o problema de contaminación.

Os veciños denuncian publicamente dende hai dous anos, dende a constitución da comisión veciñal da auga, o mal servizo da empresa xestora e a carencia de actuacións das administracións públicas neste tema, ademais do elevado custo que tiña o servizo pois, segundo informes financeiros propios e da Deputación de Ourense, a empresa cobraba 107.000 euros polo seu traballo, e o custo real non pasa de 70.0000, segundo explicou un voceiro economista no pleno de hai 17 días.