Vence (BNG) di que Feijóo debería "depositar a súa dimisión" no Parlamento" e pide "prudencia" ao xuíz Taín

Xavier Vence, portavoz nacional del BNG
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 3 abril 2013 16:40

O voceiro nacional considera que as relacións con Marcial Dorado lle "contaminan de por vida" e lamenta a imaxe que se dá de Galicia

SANTIAGO DE COMPOSTELA 3 (EUROPA PRESS)

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, considerou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debería "depositar a súa dimisión" no Parlamento", porque Galicia "non pode soportar que a Presidencia dunha persoa con ese tipo de relacións e ese tipo de pasado".

Ademais, e en relación ás declaracións do xuíz José Antonio Vázquez Taín, que asegurou que non se incautaron as fotografías nas que o presidente aparece co narcotraficante Marcial Dorado, porque non había "indicios" contra o agora xefe do Executivo autonómico, o voceiro nacional do Bloque pediu "prudencia" ao que foi instrutor da operación contra o narcotráfico denominada 'South Sea'.

Así, en rolda de prensa, Xavier Vence estimou que os xuíces deben manifestarse "a través das resolucións xudiciais" e "non" con declaracións "de parte", porque podería poñer en dúbida a súa imparcialidade. Neste sentido, recordou que Vázquez Taín foi nomeado, cando Feijóo era vicepresidente da Xunta, director do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia cando Xesús Palmou era o titular de Xustiza.

"Neste sentido, pediríalle prudencia pola súa responsabilidade", manifestou Xavier Vence, quen remarcou que os xuíces "falan por sentenzas" e non poden ser "parciais". Xa sobre Feijóo de novo, Xavier Vence criticou as "demasiadas" relacións "perigosas" que tivo, ao seu xuízo, o presidente galego.

Así, á marxe de Marcial Dorado, referiuse a Manuel Cruz, que segundo un informe da Axencia Tributaria referido polo xornal 'El País' era o "home" de palla do narcotraficante; e a Pablo Crespo, vogal de Portos de Galicia cando o agora presidente era conselleiro de Política Territorial.

"CONTAMINA DE POR VIDA"

"E todo un regueiro de cuestións escuras que fai que Galicia non poida soportar a presidencia dunha persoa con ese tipo de relacións e ese tipo de pasado", sinalou Xavier Vence, quen considerou que unha relación "durante tantos anos" cun dos "capos do contrabando e a droga" máis coñecidos "contamina de por vida calquera persoa que a compartise".

"Sen entrar na eventualidade de que puidese haber outro tipo de relacións, consecuencias e conivencias, o certo é que en si mesma, a relación de amizade cun capo do contrabando fai que esta persoa non sexa digna de representar ao noso país", abundou.

Neste sentido, Xavier Vence remarcou que Galicia "non pode soportar", a imaxe de "converterse nunha Sicilia" e de que fóra do país se fale nas páxinas dos xornais da "imaxe dun presidente cun narcotraficante". "É insoportable e intolerable, e dende logo creeemos que ten que resolverse inmediatamente", insistiu, argumentado en que é polo "ben do país e pola recuperación dun espírito de normalidade no Goberno do país".