SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Oct. (EUROPA PRESS) -
O vicepresidente do Partido de Québec, Daniel Turp, destacou que "nacións como Galicia" poden ser "viables" tanto "como Estado mais independente dentro de país como Estado soberano totalmente independente", tras sinalar que se trata dun dereito que "debería ser recoñecido".
"A autodeterminación é a base dos fundamentos colectivos, que é moi importante para chegar a respectar os dereitos individuais", explicou o político e experto en Dereito Constitucional nunha visita á Comunidade Autónoma impulsada pola Fundación Galiza Sempre.
Deputado do Parti Québécois de 2003 a 2008 e do Bloque Québécois entre 1997 e 2000, Turp é actualmente profesor na Facultade de Dereito da Universidade de Montreal e titular do Curso en Dereito internacional público e en Dereito constitucional avanzado.
Ao ser preguntado pola viabilidade de novos procesos autodeterminación no marco europeo, Turp destacou a "importancia" de que as nacionalidades impulsen "a liberdade" entre elas, para incidir "sobre todo" na posibilidade de "decisión" por parte da sociedade acerca do futuro político dun territorio.
"O importante é ser solidarios co que queren os outros pobos e proclamar e mostrar esa solidariedade entre eles. A verdadeira solidariedade é esa, mostrar que se apoian, que se apoia o que queren as outras nacións. Porque non lle corresponde aos cidadáns de Québec decidir o que os galegos queren", argumentou.
Daniel Turp considerou, neste sentido, que os galegos deben "definir o seu futuro, o seu destino e, dependendo do contexto histórico, o seu Estado" baseándose nos "procesos de Estatuto que pertencen á sociedade civil".
Nesta liña, recordou a existencia de Estados "moito máis pequenos que Galicia, que son nacións e son totalmente viables," polo que "deberían ser respectadas polo que son" e ascenderse na Unión Europea como parte dunha "solidariedade máis ampla".
A "LOITA DIARIA" POLA LINGUA
O vicepresidente do Partido de Québec quixo, deste modo, mandar "unha mensaxe para o Estado español", a quen recordou que "nunha democracia, o principio democrático debería prevalecer como tal ao feito de poder elixir o Estatuto dentro dun Estado".
"A lingua galega como tal, nun Estado democrático, merece ser compartida e coñecida. Esa democracia debe permitilo, pero tamén quero dicir que entendo perfectamente esa loita diaria que teñen que seguir facendo para que esa lingua conviva con grandes linguas", considerou.
A este respecto, o presidente da Fundación Galicia Sempre, Xosé Manuel Beiras, referiuse á constitución o pasado mes de abril en Girona da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos, da que forma parte a entidade, e na que se asinou unha Declaración que recoñece a "denuncia de todas as formas de represión que ataquen á lexítima defensa dos dereitos colectivos dos pobos".
"Neste caso e máis concretamente, esa política agresiva de analfabetización do idioma galego" impulsada pola Xunta, incide Beiras.
Turp equiparou, así, a situación da lingua galega coa "loita" que emprende o seu partido por que se recoñeza o francés como a lingua Québec, onde xa se efectuaron dous referendo de autodeterminación cun resultado "moi igualado" e de cara a impulsar un terceiro de cara a "conseguir a soberanía e a independencia".
PROGRAMA DA VISITA
A visita dá continuidade ás Xornadas sobre A crise e ou futuro de Europa que reuniron en Santiago 50 participantes procedentes de dez nacionalidades, convocados por Galiza Sempre. Daniel Turp foi invitado pola Fundación tras participar en abril no acto de constitución da Rede Mundial polos Dereitos Colectivos dos Pobos.
Así, estará en Galicia entre o 25 e o 28 de outubro para falar sobre dereitos colectivos e explicar a experiencia da reivindicación nacional do Québec, "un referente mundial", en dúas conferencias que terán lugar en Santiago e Lugo. Así mesmo, este mércores asistirá á celebración do Pleno no Parlamento galego e manterá unha reunión co Grupo Parlamentario do BNG.