Villarino aposta por que as cámaras rexionais corrixan a "inercia da UE que "obvia" diferenzas entre Estados

Un experto sinala que a participación rexional e local en políticas comunitarias é "máis efectiva" a través dos gobernos centrais

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 21 noviembre 2008 13:47

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Nov. (EUROPA PRESS) -

A presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, apostou hoxe por fortalecer os parlamentos rexionais para "aproximar" o poder aos cidadáns e "corrixir a inercia comunitaria" que "obvia" as diferenzas organizativas entre os Estados que forman parte da Unión Europea.

Así o manifestou durante a inauguración dun seminario sobre as cámaras rexionais e a gobernanza multinivel na UE, organizado polo Parlamento de Galicia e a Universidade de Vigo. Villarino destacou que as rexións poden contribuír a "mellorar unha serie de carencias, disfuncións e problemas intrínsecos" ao modelo de integración.

Entre eles, sinalou a "acaparación progresiva" de competencias en favor das instancias supranacionais, a "baixa capacidade de resposta" do sistema aos intereses e as aspiracións dos cidadáns ou o "tan debatido déficit democrático da Unión".

A presidenta da Cámara galega indicou que a construción europea é "inseparable" do recoñecemento das "súas rexións" e apostou por que os parlamentos actúen como elemento "vertebrador" e instancia de "mediación" entre a UE e os cidadáns.

Villarino fixo referencia, así mesmo, aos procesos de cooperación transfronteiriza, a través dos cales se iniciaron novas experiencias de vertebración de territorios "antes separados por fronteiras" e puxo como exemplo a agrupación europea de cooperación territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal.

Esta figura xurídica "pioneira" e outros elementos de colaboración entre rexións configuran, dixo, "unha nova territorialidade" que obriga a "reformular" a forma de entender a organización xurídico-política.

A presidenta do Parlamento galego cualificou de "éxito colectivo" a construción da Unión Europea, que integra "o primeiro e máis logrado modelo de espazo político transnacional" do mundo, a pesar das súas "deficiencias e disfuncións" e da etapa actual de "desconfianza xeneralizada".

CONFERENCIAS

No seminario que se desenvolve hoxe na Cámara galega participan expertos relacionados coa ciencia política e os parlamentos de diferentes lugares do Estado español, como Jorge Pueyo Losa, Stelios Stavridis, Xosé Antón Sarmiento, Francisco Visiedo, Manuel Pulido, Francesc Pau i Vall, Anxo Luis Sanz ou Francesc Morata, quen abriu as intervencións cunha conferencia acerca da "gobernanza multinivel" coa que funciona a UE.

Morata, que é catedrático de Ciencia Política e director do Institut Universitari d ' Estudis Europeus -IUEE- da Universidade Autónoma de Barcelona, analizou o solapamento de competencias entre os diferentes niveis de goberno e apostou por unha participación máis directa das autoridades rexionais e locais na elaboración e aplicación das políticas comunitarias. Non obstante, considerou que a participación destas "tende a ser máis efectiva" cando se produce a través dos respectivos gobernos centrais.

Contenido patrocinado