SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 Jun. (EUROPA PRESS) -
O titular do Xulgado de Instrución Número 2 de Santiago, José Antonio Vázquez Taín, citou a declarar como imputado a próxima semana ao concelleiro socialista Bernardino Rama en relación á causa Montebalsa sobre contratos amañados.
O edil compostelano confirmou este xoves a Europa Press que recibiu un auto no que se lle cita a declarar o próximo mércores ás 9.30 horas en calidade de imputado.
Rama explicou que o auto "vén dunha denuncia en xullo de 2009", cando era concelleiro de Obras, pola que fora citado a declarar sobre este tema en decembro de 2009 pero "deixouse en suspenso", segundo matizou, e se lle chaman agora.
Fontes xudiciais explicaron a Europa Press que Bernardino Rama foi citado como imputado polos supostos delitos de falsidade documental e prevaricación, mentres que aos propietarios de Montebalsa, que tamén foron chamados a declarar, se lles imputa falsidade documental e suborno.
No coñecido como 'caso Montebalsa' foran condenados a tres anos de prisión o arquitecto xefe do Concello de Santiago, Tomás Rivas Llavero, e un aparellador municipal, Isidro Mendoza Rivero, por amañar o concurso da obra de remodelación dun pavillón deportivo para que fose adxudicada a Montebalsa.
Unha vez que foi ratificada a condenada a semana pasada aos dous técnicos, o xulgado retoma a segunda parte da causa na que os dous condenados foron citados como testemuñas e como imputados os propietarios de Montebalsa e o concelleiro compostelano, aos que se lles notificou este mércores as citacións.