LUGO 22 May. (EUROPA PRESS) -
A xuíza instrutora da 'Operación Pokémon', Pilar de Lara Cifuentes, citou a declarar o próximo 10 de xuño o exalcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, imputado por un delito de branqueo.
Fontes da defensa de Rodríguez explicaron a Europa Press que o exrexedor, segundo consta na citación xudicial, está citado ás 10.00 horas nos xulgados de Lugo xunto á súa parella para declarar ambos os dous ante a xuíza instrutora.
A nova citación prodúcese despois de que o pasado 15 de maio a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, que instrúe a 'Operación Pokémon', ordenase practicar rexistros na residencia de Francisco Rodríguez e en propiedades a nome da súa parella situadas en Verín e Castrelo do Val.
O pasado mes de setembro, Francisco Rodríguez foi detido no marco da 'Operación Pokémon' e, tras prestar declaración ante a xuíza, saíu en liberdade baixo fianza de 6.000 euros e quedou imputado por suborno e prevaricación, polo que se viu forzado a dimitir pola cúpula do PSOE.
Cando se produciu a detención de Francisco Rodríguez non se rexistrara a súa vivenda, situada no ourensano barrio de A Ponte, pero agora a xuíza considerou que era necesaria unha inspección para buscar documentación.
Piar de Lara tamén ordenara rexistros en propiedades situadas en Verín e Castrelo do Val que están a nome da parella sentimental do exalcalde, Mercedes A., quen é orixinaria desa zona ourensana, onde conta con bens familiares e quen foi citada a declarar en Lugo.
RECURSO
Tras coñecerse a nova ampliación por un mes máis do segredo de sumario, a defensa de Rodríguez, exercida polo avogado Gerardo Viada, manifestou tamén a súa intención de volver recorrela, como o letrado do alcalde de Lugo, "porque non se pode manter o segredo dez meses" e que os investigados continúen sin "saber os feitos que se lles imputan".
"É unha indefensión absoluta", aseverou o letrado, que explicou que dende que se fixo cargo da defensa de Rodríguez non tivo "nin unha soa información do xulgado" sobre qué feitos se lle imputan ao exalcalde de Ourense.