Un xulgado confirma a sanción de 600 euros ao voceiro do BNG na Coruña polo desafiuzamento de Aurelia Rey

Actualizado: jueves, 29 enero 2015 18:34

A CORUÑA, 29 Ene. (EUROPA PRESS) -

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 4 da Coruña confirmou a sanción económica de 600 euros ao voceiro do Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, pola súa participación no desafiuzamento da octoxenaria Aurelia Rey, segundo informa a formación nacionalista.

Nun comunicado, asegura que no fallo se dá por válidas "acusacións incertas da Policía Nacional". Tamén sostén que se lle impón "sorpresivamente" a Carril "unhas costas maiores que a propia multa, de 700 euros, cando o normal sería que as costas fosen de menor contía que a sanción", engade.

Carril asegura que a tutela xudicial efectiva "non pode implicar que o feito de acudir aos tribunais sexa aínda máis caro que pagar unha sanción económica imposta por cuestionar, dende o exercicio dos dereitos fundamentais, as políticas de empobrecemento e asfixia do PP,", indica.

Tamén avanza que recorrerá "para evitar que a xente multada, se desanime a recorrer xudicialmente as sancións impostas pola súa loita social por medo a ter que pagar máis nos tribunais", argumenta.