O xulgado defende a "imparcialidade" do xurado para xulgar o fillo das vítimas do crime de Taboadela (Ourense)

Falta que a Audiencia Provincial resolva un último recurso polo que a defensa do acusado reclama que o xuízo sexa sen xurado popular

Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 25 mayo 2013 14:16

OURENSE, 25 May. (EUROPA PRESS) -

O Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense considera que un xurado popular debe xulgar a José Miguel M.C. como presunto asasino dos seus pais na súa casa de Taboadela en abril de 2009, e á súa amiga María Rosa R.P. como presunta encubridora, pois a conexión de ambos os dous delitos están nas "competencias" do xurado e o "xuízo público paralelo" non vulnera ningunha das garantías dese proceso xudicial. Ademais, defende a "imparcialidade" do tribunal de xurado.

A defensa do fillo das vítimas presentou varios recursos contra o procedemento de tribunal de xurado activado polo xuíz de instrución pero, unha vez máis, este rexeita as alegacións aínda que queda un último recurso pendente de que o resolva a Audiencia Provincial.

Nun auto do día 21 de maio, o xulgado de Instrución desestima o recurso presentado pola defensa que alegaba indefensión do imputado, incompetencia do tribunal de xurado para dirimir o acontecido hai catro anos na vivenda familiar de Taboadela, e "contaminación dos eventuais integrantes do xurado popular", todos eles rexeitados polo xulgado de instrución.

ENCUBRIMENTO

A defensa expuxo nas súas alegacións que o delito de encubrimento atribuído a unha das imputadas, non é competencia do xurado popular e na resolución deste recurso, o xulgado explica que son competencia os delitos propios considerados na Lei do Procedemento de tribunal de xurado e todos os considerados "conexos", algo que neste caso acontece porque aos delitos de "asasinato imputados ao acusado, para intentar a súa impunidade, lle seguiu o delito de encubrimento imputado a María Rosa R.P.", alega.

Segundo o auto, entre ambos os dous delitos existe "polo tanto a citada e necesaria conexidad, e tales feitos non poden ser esgazados uns doutros sen romper a continencia da causa".

OPINIÓN PÚBLICA

Sobre a alegación de "contaminación dos eventuais integrantes do xurado popular", da defensa, o auto xudicial indica que esa alegación "é precipitada" pois aínda se descoñecen os integrantes do mencionado tribunal.

Ademais, baseándose na xurisprudencia, indica que unha "sospeita dun defecto de imparcialidade debe ser tido en conta pero non desempeña un papel decisivo". A creación dun "estado de opinión sobre un caso concreto", segundo o auto, só de terá en conta se de demostra unha "real influencia" nos xuíces.

"Que os feitos investigados xudicialmente sexan ao mesmo tempo, unha noticia merecedora de atención polos medios de comunicación, compón dúas esferas distintas e debe primeiro a estanquidade de ambas as dúas e, sobre todo, que o feito como noticía non sexa parasitario da investigación xudicial", recolle o auto.

En definitiva, segundo a xuíza, os "xuízos públicos paralelos" non poden derrogar as garantías esixidas polo proceso penal así que desestima por todo isto a alegación da defensa, realizada pola transcendencia e continua presenza do chamado 'crime de Taboadela' nos medios de comunicación.

FEITOS

En abril de 2009, José Martínez de 65 anos e María Teresa Campos de 63 foron atopados mortos nun galiñeiro da súa vivenda familiar no pobo de Amoedo, no municipio de Taboadela, a oito quilómetros da cidade de Ourense. Morreron por disparos e o home tiña nun dos seus petos unha carta mecanografada con ameazas e a posible autoría foi atribuída ao seu fillo José Miguel.

Cando a Audiencia Provincial de Ourense reciba as novas alegacións para o último recurso presentado pola defensa, poderá fixarse data para o xuízo e para a recepción das cualificacións provisionais das partes implicadas.

O imputado, José Miguel M.C., leva uns meses na prisión de Pereiro de Aguiar para cumprir condena por tenza ilícita de armas e por coaccións a un amigo, feitos acontecidos unha semana antes de ser achados os seus pais mortos a tiros na casa.

Contenido patrocinado