A Xunta abre unha liña de axudas para que os municipios redacten o seu planeamento, xa que só o 13% o ten en regra

Da a "benvida" ao PSOE á "política construtiva" e mostra vontade de buscar acordos que afasten o territorio "da loita política"

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 9 febrero 2010 16:55

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 9 Feb. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou hoxe a apertura dunha liña de axudas co fin de que os concellos "redacten" os seus plans xerais de ordenación urbana ou os "actualicen" á Lei do Solo de Galicia de 2002, xa que tan só un 13 por cento dos municipios galegos os teñen en regra.

Estas subvencións, segundo informou Hernández en rolda de prensa, suman un importe de 10 millóns de euros e engadiranse aos 18,9 millóns das anualidades en curso de axudas aprobadas en exercicios anteriores.

Xustificou esta dotación en que, actualmente, só 42 concellos contan co seu Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM) adaptado á lei vixente, mentres que outros 196 teñen "algún tipo" de plan e os 77 restantes non teñen "ningunha figura" de plan urbanístico.

"Hai que dar un impulso ao plan municipal", concluíu o titular de Medio Ambiente e, para iso, apostou por "mellorar a eficiencia" do traballo do seu departamento no tempo de resposta --nos seus primeiros nove meses, aprobou sete plans e 27 informes previos--, introducir cambios lexislativos e habilitar novas axudas.

Con este fin, tal e como apuntou, un total de 216 concellos teñen xa subvención da Xunta para elaborar o seu plan, de modo que o 82 por cento dos municipios "recibiu ou está a recibir" algunha axuda neste ámbito.

AXUDAS E DISTRIBUCIÓN

O conselleiro detallou que as axudas aos municipios oscilan dende o 80 por cento do custo total da redacción do plan para os concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes ata o 100 por cento para aqueles de menos de 5.000 censados. Os municipios de entre 5.000 e 20.000 persoas recibirán o 90 por cento da contía total.

Ademais, explicou que o importe entregarase de forma parcial, en cinco partes iguais, a medida que se asine o contrato para iniciar o plan, a súa documentación chegue á Xunta e se aprobe inicialmente, provisionalmente e definitivamente. "Así animaremos aos concellos para que inicien a redacción do seu plan xeral", entendeu.

Finalmente, Agustín Hernández garantiu a súa dispoñibilidade ao diálogo da Xunta cos concellos, co fin de que "todos conten no prazo máis curto posible cun axeitado plan".

"BENVIDA" AO PSdeG

Respecto do pacto polo territorio ofrecido polo PSdeG, o titular de Medio Ambiente deu a "benvida" a esta formación política "á realidade e á política construtiva", tras recordar que leva "traballando nesa senda" dende que tomou posesión do seu cargo. "Por convicción e porque estaba no noso programa electoral", proclamou, para reafirmar que xa mostrou a súa "vontade" de chegar a un acordo sobre o territorio durante a presentación das liñas do seu departamento ante o pleno da Cámara.

"Temos unha vontade clara e inequívoca de colaborar con PSdeG e con BNG para chegar a un acordo", insistiu, convencido de que esta é a única vía que permite elaborar "un deseño" territorial que sitúe este asunto "á marxe da loita política" e que lle outorgue "independencia" dos "avatares políticos". "E os cidadáns serán os beneficiarios", concluíu.

AVE A PORTUGAL

A maiores, sobre a conexión do AVE entre Vigo e Oporto, debido a posibles reticencias do Goberno luso que poderían provocar un aprazamento do proxecto, Hernández recordou o "compromiso" do ministro de Fomento, José Blanco, de "prolongar" o tren de alta velocidade ata a fronteira portuguesa.

"Comprometeuse a buscar un acordo con Portugal similar aos Pactos do Obradoiro", incidiu, consciente de que se barallaron "cambios" no percorrido debido ao custo da infraestrutura.

Contenido patrocinado