A Xunta aforrou 25 millóns coa redución nun 38% das baixas laborais no último ano

A diminución do absentismo iniciada no ámbito da Función Pública alcanzou o 31% e no Sergas o 41% neste período

Consello de la Xunta
XUNTA
Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 23 mayo 2013 20:22

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 May. (EUROPA PRESS) -

O Goberno galego aforrou case 25 millóns de euros no primeiro ano de aplicación da Lei de Medidas no Emprego Público ao reducirse un 38,2 por cento as baixas laborais iniciadas na Administración autonómica durante este período.

Diso informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión do consello, na que destacou o "compromiso excepcional" dos empregados públicos nun "escenario de crise económica". "Os empregados da administración pública teñen menos baixas que nunca", manifestou.

Segundo un informe presentado ao consello pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz, entre abril de 2012 e marzo de 2013 iniciáronse un total de 5.653 baixas no ámbito da Administración xeral, un 31 por cento menos que durante os doce meses anteriores, cando se rexistrasen 8.179.

O descenso de baixas iniciadas no Sergas é aínda maior, do 41 por cento, ao reducirse os procesos de 22.137 --entre abril de 2012 e marzo de 2013-- aos 13.1000 no mesmo período do ano anterior.

Así mesmo, constátase unha redución dun 28 por cento do número de baixas laborais rexistradas entre abril de 2012 e marzo de 2013 no ámbito da función pública, e dun 25,2 por cento no Servizo Galego de Saúde durante o mesmo período.

PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2013

Neste sentido, o informe destaca a importante redución das baixas iniciadas no primeiro trimestre de 2013 en relación cos tres primeiros meses de 2012, ao alcanzar o 37 por cento no ámbito da función pública e o 35 por cinto no Sergas.

Ademais, a Xunta sinalou que o nivel de absentismo "se foi reducindo de forma progresiva ao longo da pasada lexislatura ata un 41 por cento", entre os anos 2008 e 2012, ao pasar dunha porcentaxe de baixas do 5,4 por cento hai cinco anos a unha taxa do 3,18 por cento o pasado ano.

No ámbito do Sergas tamén se observa un descenso constante do absentismo nos últimos anos, ao pasar do 7,34 por cento en 2008 ao 3,99 por cento en 2012.

Contenido patrocinado