A Xunta e o Banco Sabadell colaborarán para facilitar o acceso a financiamento dos programas Leader

Actualizado: miércoles, 22 octubre 2014 11:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, e o Banco SabadellGallego asinaron este mércores un convenio de colaboración para facilitar o acceso a financiamento dos programas Leader e Dinamizadores.

A titular de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presidiu a sinatura deste acordo que polo Banco Sabadell creará unha liña de financiamento destinado especificamente a empresas e particulares beneficiarios destes programas, con condicións financeiras especiais como son as pólizas de crédito e contas de crédito para promotores a un tipo variable, entre outras posibilidades.

Pola súa banda, Agader impulsa a aplicación de estratexias de desenvolvemento rural integrado a nivel comarcal, mediante a dinamización e coordinación de Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR). Neste sentido, comprométese a realizar unha ampla difusión do convenio a través das súas canles de comunicación habituais, como a súa páxina web, e entre os propios GDRs.

Este acordo estará vixente ata o 31 de decembro de 2015, data en remataraa a execución do período de programación dos fondos europeos 2007-2013.

LEADER E PROXECTOS DIMANIZADORES

O departamento que dirixe Rosa Quintana recordou que o Leader é un conxunto de medidas englobadas no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) impulsadas pola Unión Europea (UE). É unha iniciativa financiada por Fondos Estruturais da UE e foi deseñada para axudar aos axentes do mundo rural a potenciar o desenvolvemento nas súas rexións.

Pola súa banda, os proxectos dinamizadores teñen como finalidade o fomento do desenvolvemento do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e evitar o despoboamento deste territorio.