A Xunta considera "un éxito" manter o 60% dos fondos europeos mentres a oposición ve o acordo insatisfactorio

Gamallo móstrase "optimista" sobre que non haberá que devolver as axudas do anterior 'tax lease'

El director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, en la Cámara
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 24 mayo 2013 17:25

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, considerou que o resultado das negociacións que permiten a Galicia manter o 60% dos fondos estruturais europeos para o período 2014-2020 "só ten unha lectura: é un éxito".

Así o defendeu na súa comparecencia na comisión permanente non lexislativa para asuntos europeos no Parlamento galego, na que os grupos da oposición manifestaron a súa desconformidade cos acordos, que o voceiro do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, resumiu como "insatisfactorios".

Gamallo volveu manifestar que a Xunta está "moi satisfeita" polo resultado das negociacións e indicou que manter o 60% dos fondos estruturais (a reclamación inicial era conservar dúas terceiras partes, arredor do 66%) supón que Galicia recibirá 2.000 millóns de euros. A esta cantidade haberá que sumar os fondos de agricultura e pesca que aínda deben ser repartidos, unha parte do cheque compensatorio de 1.800 millóns que recibirá España e outra porción dos fondos contra o desemprego xuvenil.

Aínda que o director xeral non ofreceu cifras sobre a contía total, nunha rolda de prensa do propio Gamallo e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras coñecerse o acordo do Consello Europeo, indicaran que o Goberno galego aspira a que a cantidade total se sitúese en torno aos 3.500 millóns.

Na súa comparecencia deste venres, Gamallo negou que a Xunta sexa "triunfalista", como criticou o voceiro do BNG, Daniel Rodas, que pediu "menos triunfalismo e máis traballo". O alto cargo da Xunta insistiu na súa satisfacción polo resultado e explicou que permite tamén que o cofinanciamento de programas chegue ao 80%. De non se admitir esta "rede de seguridade", rexións como Galicia, que pasan do obxectivo de converxencia a estar entre as máis ricas (superou o 90% do PIB medio comunitario), os fondos descenderían ata 350 ou 370 millóns, dixo.

En calquera caso, destacou que o proceso aínda está "aberto", pendente da aprobación definitiva do Parlamento Europeo. A votación será, segundo a Xunta, no mes de xuño e "non esperan cambios" no que se refire aos fondos estruturais que recibirá Galicia. "Nun escenario de presupostos restritivos, alcanzar o 60% é unha boa noticia", resolveu.

ÉXITO OU RESIGNACIÓN

Pola súa banda, o representante socialista no debate considerou que a postura da Xunta se pode ver como "un éxito" ou como "unha resignación" e argumentou que o feito de que Galicia superara o 90% do PIB medio é "un efecto estatístico" que deriva da entrada dos países do leste na Unión Europea, pero "os efectos estatísticos non modifican a realidade".

Ademais, Méndez Romeu criticou as políticas aplicadas na UE, hai "evidencias" de sobre as que que "non están a dar resultados" e de que se creou unha "Europa de dúas velocidades". A postura do PSOE sobre esta negociación, resumiu, é contraria e non apoiará o resultado co seu voto, dixo. "Non podemos mostrar satisfacción cos acordos alcanzados", concluíu.

Pola súa banda, o representante de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xabier Ron, criticou os acordos porque "supón un cheque" en branco no austericidio" e as políticas que recorte, que fan que "o paro, a pobreza e a morte" sexan "compañeiros de viaxe". Neste sentido, agregou que "está comprobado un aumento de suicidios polas políticas de recorte".

O presuposto para o período 2014-2020 implica que se prolongará "sete anos máis" a austeridade. "Triunfa a Europa insolidaria", lamentou e referiuse tamén á reforma da PAC, que é "un golpe máis ao sector agrario".

"UN VERDADEIRO FRACASO"

En nome do BNG, Daniel Rodas considerou que as xestións da Xunta son "un verdadeiro fracaso" e reprochou que as políticas europeas se elaboran "pensando nos grandes estados". "Galicia desexa ter voz propia", resaltou.

Rodas criticou que o presuposto global baixara e que se "visualicen" as "medidas neoliberais" neste. O modelo que se propón, dixo, é "regresivo" e "non vai servir de nada para saír da crise". Tamén censurou a "actitude de inanición" da Xunta nas negociacións e comparouna coa doutros países, que consultaron aos axentes sociais.

Polo seu lado, o representante do PPdeG, Daniel Varela, defendeu que o preacordo alcanzado é "interesante nun momento difícil" e replicou á oposición que "a botella se pode ver medio chea ou medio baleira", pero "non é o mesmo encher a botella cando manan a cachón as fontes que cando as fontes non manan".

Ademais, Varela preguntou a Gamallo polas contías que se aboarán dos fondos europeos cada ano, ao que o director xeral contestou que España logrou que as achegas sexan "lineais", de modo que se transfira a mesma cantidade cada ano. Isto, dixo, permite "planificar mellor" e evitar cofinanciameotos altos nos primeiros anos, que serán os peores da crise.

TAX LEASE

A maiores, o deputado socialista José Luis Méndez Romeu deslizou no debate o asunto do 'tax lease', ao reprochar que malia que a Xunta se presenta como "executora das políticas comunitarias", iso non lle garante o desbloqueo de problemas como este.

Na súa resposta, Gamallo suxeriulle que faga a petición ao vicepresidente da Comisión Europea, o socialista Joaquín Almunia. En calquera caso, dixo que quere ser "optimista" sobre que a UE resolverá que España non debe devolver as cantidades percibidas polo anterior sistema de bonificación fiscal. Como argumento referiuse ás cantidades que os estaleiros deixaron de ingresar durante a suspensión destas axudas.

Contenido patrocinado