A Xunta cre que "todos os pasos" do Goberno levan á construción das fragatas en Navantia

Navantia en Ferrol (A Coruña)
EUROPA PRESS
Publicado 13/09/2017 12:44:18CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 Sep. (EUROPA PRESS) -

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entende que "todos os pasos que está a dar o Goberno de España van na dirección do proxecto de construción" de varias fragatas ás que aspiran os estaleiros de Navantia en Ferrolterra.

"E nós, loxicamente, estamos a traballar con Navantia e co Goberno para garantir que sexa así", subliñou este mércores a preguntas dos xornalistas o titular do departamento autonómico.

Cuestionado polo encontro do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, co ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no que o primeiro pediu ao segundo que se axilice a construción de varias fragatas, Conde lembrou que este proxecto é "unha prioridade para Galicia", para o seu sector naval e para Navantia.

Con todo, puntualizou que para que "efectivamente o Goberno poida asinar e orzar a construción das fragatas", é necesaria "unha coordinación a nivel do estado" e entre os ministerios de Defensa, Economía e Facenda. "O presidente segue traballando de forma moi directa para que se poidan dar estes pasos", engadiu.

Así, advertindo que "hai que definir o deseño desas fragatas", o conselleiro apuntou que a Xunta está "a tentar acompañar" a Navantia e ao Executivo para que se poida "concretar" a orde de construción.

"Porque entendemos que a construción das fragtas é o que pode consolidar definitivamente a recuperación do sector naval en Ferrolterra e tamén do conxunto da industria auxiliar", subliñou.

Por último, indicou que "o programa tecnolóxico, que ten un orzamento de 186 millóns de euros, leva desenvolvendo desde hai dous anos". "Antes de definir esa orde de construción hai que definir os aspectos do programa tecnolóxico, e iso xa leva facendo desde hai dous anos", remachou.

"Por tanto, o Goberno, de forma clara, ten orzamento e ten os pasos dados para que se poida concretar a orde de construción unha vez que estea deseñada a propia fragata", finalizou.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies