A Xunta crea unha comisión organizadora do Xacobeo 2021 para que "ninguén vaia por libre"

Consello da Xunta deste xoves 20 de xullo
XUNTA
Actualizado: jueves, 20 julio 2017 16:41

Feijóo cre que unha preparación "concienzuda" e a mellor situación económica con respecto a 2010 servirán para que "marque unha década"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 (EUROPA PRESS)

   O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a creación da comisión organizadora para o Xacobeo 2021 co obxectivo de aproveitar os anos que faltan para a cita e lograr que o próximo Ano Santo sexa "o mellor da historia" de Galicia e "marque unha década".

   Ao termo do Consello da Xunta que deu luz verde á creación desta comisión, o máximo mandatario autonómico explicou que a idea é que "no menor tempo posible" estea a funcionar este órgano que dará "estabilidade e permanencia" para preparar o Xacobeo traballando "de forma coordinada e conxunta".

   En palabras de Feijóo, esta é "unha oportunidade histórica" que é necesario preparar "sen dilación" e, por iso, esta comisión aspira a coordinar o traballo das distintas administracións "para que ninguén vaia por libre" na organización da cita.

   El mesmo presidirá esta comisión, que estará adscrita a Presidencia, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, exercerá como vicepresidente primeiro, mentres que a responsable de Turismo, Nava Castro, será vicepresidenta segunda.

   Ademais, o órgano terá varios vogais procedentes das consellerías e organismos da Xunta e contará con representantes do Arcebispado e co alcalde de Santiago ou "quen este designe" como "membro de pleno dereito". Tamén se solicitará á Fegamp que designe un alcalde en representación dos concellos galegos, que, en palabras de Núñez Feijóo, debería elixirse entre os municipios polos que pasa a Ruta.

   Para organizar esta cita, dixo o presidente galego, é necesario "tempo, dedicación" e non "improvisación", polo que apostou por apurar os prazos para que esta comisión se dedique "con estabilidade e permanencia" a organizar a cita canto antes.

MARXE E MELLOR SITUACIÓN ECONÓMICA

   Núñez Feijóo adiantou que o Xacobeo 2021 terá unha "dobre vantaxe" con respecto ao anterior, unha "maior marxe para preparalo" de forma "concienzuda" e unha situación económica "ostensiblemente mellor" que a do Xacobeo 2010.

   Cos Camiños de Santiago "cada vez tendo máis tirón", o presidente galego confiou en que esta cita "marque unha década" na Comunidade e supoña "un revulsivo" para "consolidar Galicia como destino", á vez que teña "efectos directos na economía".

   "Non podemos nin queremos dilatar a súa preparación", dixo Feijóo sobre esta "oportunidade histórica" de organizar un "Xacobeo inigualable" do que toda Galicia "senta orgullosa".

FUNCIÓNS

   Entre as funcións desta comisión organizadora estará a de coordinar as actuacións das administracións implicadas, a aprobación dun Plan Estratéxico ou a conformación de plans operativos anuais de desenvolvemento.

   Ademais, encargarase de aprobar a marca e o logo do Xacobeo 2021, buscar patrocinadores privados, propor exencións fiscais aplicables, aprobar a programación da cita ou difundir e promocionar o evento, entre outras cuestións.