A Xunta denuncia unha "intensa actividade incendiaria" en outubro e intensificará a vixilancia policial

Contador
Publicado 12/10/2017 18:07:50CET

SANTIAGO E COMPOSTELA, 12 Oct. (EUROPA PRESS) -

A Xunta de Galicia denunciou este xoves que a comunidade está a rexistrar unha "intensa actividade incendiaria" nos últimos días, que se focaliza especialmente nas provincias de Ourense e Lugo, polo que avanzou que se intensificará a vixilancia policial na materia.

Como dato, a Administración autonómica precisou que, no que vai de mes de outubro houbo en Galicia un total de 235 lumes (123 deles na provincia de Ourense). Esta cifra é "máis do dobre da rexistrada no mesmo período de 2016" e supera amplamente a media do últimos cinco anos nestas datas, que se sitúa nos 91,2 lumes.

Ademais, a maioría dos lumes rexístranse en horas nocturnas, cando os medios aéreos non poden operar, e en zonas de difícil acceso, que tamén dificultan o traballo do dispositivo en terra.

A Xunta quixo denunciar publicamente "o dano que os incendiarios están a causar" no patrimonio forestal galego, algo que "obriga a intensificar os labores de investigación, prevención e extinción dos lumes".

Por iso, o Goberno galego puxo en marcha, en colaboración cos corpos e forzas de seguridade do Estado, unha investigación exhaustiva para coñecer as causas desta "desmesurada actividade delituosa incendiaria", localizar os seus responsables e polos a disposición da Xustiza.

A investigación das causas e os causantes dos lumes incluirá un "profundo traballo de pescudas" sobre as zonas nas que se inician os lumes, co fin de aclarar a intencionalidade que está detrás da práctica totalidade dos incendios rexistrados nos últimos días, e depurar responsabilidades.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para analizar su navegación y ofrecerle un servicio más personalizado y publicidad acorde a sus intereses. Continuar navegando implica la aceptación de nuestra política de cookies -
Uso de cookies