A Xunta di que fixo "tódolos esforzos" para que o centro San Francisco de Vigo "regularizase" a súa situación

Actualizado: martes, 16 septiembre 2014 12:19

Uns 70 minusválidos psíquicos serán trasladados a partir de outubro a Mos (Pontevedra)

A CORUÑA, 16 Sep. (EUROPA PRESS) -

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, defendeu que a Xunta fixo "tódolos esforzos" para que o centro San Francisco de Coia, en Vigo, "regularizase" a súa situación, e atribuíu a isto que uns 70 minusválidos psíquicos sexan trasladados a partir de outubro dende este centro a Mos (Pontevedra).

Tras perder este centro o concerto coa Xunta, o que determinará o traslado destas persoas a Mos, Mato insistiu en que o centro da localidade pontevedresa "gañou o concurso" e que a Xunta o que fai é "cumprir coas leis".

"Houbo unha entidade que optou e que obtivo mellor cualificación técnica e económica", recalcou a conselleira durante unha visita que realizou ao Fogar Sor Eusebia na Coruña.

En declaracións aos medios, Mato insistiu en que ao centro San Francisco "se lle deu a oportunidade" de presentarse ao citado concurso "sen ter regularizada a situación do edificio". "Non foi así e o concurso, como todos, foi transparente", subliñou.

Sobre o traslado destes 70 minusválidos, dixo que "a oferta que lle fai a Xunta é para praza pública e a 15 minutos do seu domicilio", apostilou a titular de Traballo e Benestar.